Pasión

Manuel Iglesias Nimo

RELATOS DE VERÁN

07 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

¿A quen se lle ocorreu poñerlle a aquela muller o nome de Pasión? Deberon de ser as monxas do convento das Clarisas que se atopaba perto da súa casa familiar, nas ribeiras do Sar, polas terras de Padrón, entre fragas ateigadas de verdes castiñeiros.

A probe de Pasión era unha muller outa, ergueita, calada e sumisa. Non sabía o que era a preguiza nin a carraxe. Ficou solteira, e somentes foi educada para servir e calar, entre a morea de irmáns na que se criou. Tempos duros e difíciles aqueles, dos anos cincuenta e sesenta do século vinte, abofé.

Eu era un neno cando a coñecín, xa que ela traballaba como criada dende facía anos na casa da miña tía Magdalena. Unha boa casa, sen dúbida, xa que Magdalena estaba casada cun militar de graduación e, como non lle fallaba de nada, pasaba boa parte do seu tempo no Casino, na perruquería ou en casa escoitando o canto de “Otelo”, o canario que tiña na gaiola á beira da galería de cristal, e que aledaba cos seus afiados asubíos aquela mansión chea de vaixelas de Sargadelos e copias de cadros impresionistas.

Pasión era ademáis quen atendía ás catro fillas da miña tía, cadaquén máis singular e bohemia. Por suposto era tamén quen facía todas as tarefas da casa. E os recados da rúa.

No inverno na nosa casa faciamos o caldo. Pasión -por orde da súa ama- sempre viña a buscar unha boa pota que levaba na súa testa con moito coidado ata chegar á vila.

Unha vez, quentando o caldo na súa casa, a tía Magdalena esquenceuse de pechar a porta da gaiola de “Otelo” e o canario saiu voando con tan mala sorte que pasou por enriba do fume que botaba a pota, que xa estaba fervendo. Por pouco cae nela ou morre afumado. Pero Pasión colleuno agarimosamente entre as súas máns, guindouno ó ar e o paxaro non volveu á súa gaiola. Foise por unha fiestra entreaberta da galería, perdéndose no vento morno da tardiña. “Sé ceibe”, dín que marmurou a criada.

Hoxe, lembrando o neno que fun, e atravesando tamén uns tempos ben difíciles, proclamo con fachenda diante de todo o mundo que sen Pasión non me resulta doado vivir.

Manuel Iglesias Nimo. Avogado. 61 anos. Santiago de Compostela.