Sabela Rodríguez Vázquez. 13 anos. A Coruña. Estudante
08 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Ola, chámome Icía e teño 14 anos. Todos os días antes de ir ao instituto almorzo os meus cereais favoritos, e aínda que semelle mentira, eses doces escarchados de trigo son os alicerces do meu día. Máis tarde, ao chegar ao patio da escola, os meus amigos alzan as súas mans sinalándome onde se atopan. Ao chegar ao carón dos meus compañeiros non podo evitar que un pequeno sorriso alegre as miñas encarnadas meixelas. É que a ledicia de estar cos meus invade o meu corazón como o vento invade os mares formando ondas.
Cando soa o timbre facemos unha desordeada fila para subir á clase. Sentámonos no pupitre e o aburrimento está servido. Menos en clase de plástica. Adoro esa materia porque, dalgunha maneira, sinto que as miñas obras serán inmarcescibles por sempre. Ao rematar as clases vou correndo a voleibol, ese deporte (poñéndonos literarios) é un esbozo de diversión e disciplina. Xa por último merendo e fago as tarefas na miña casa.
E máis ou menos este é o meu día a día, pero falta algo nesta historia. Un pequeno detalle que non debería ser importante sinalar, un pequeno detalle que o cambia todo. Porque nunca sabemos toda a parte da historia, aínda que pensemos iso. Todas as historias posúen un pequeno oco que deixa libre a imaxinación do lector, un oco para soñar cos personaxes que ti creaches, para xogar coas súas personalidades, para crear teorías e historias a partires do teu relato... Todas esas posibilidades sempre existen se creas unha historia, pero ese detalle, ese detalle chega a ser tan importante nesta historia que é obrigatorio contalo. Non vou ladrillar ese oco máxico que teñen todos os contos e relatos, esa fiestra á imaxinación, nin vou pechar a porta que leva a este mundo de papel e tinta. Pero eu como Icía, e como parte deste mundo, teño que escribir e berrar a miña verdade. E a verdade é que... non nacín sendo Icía. Nacín sendo Pedro.
Son eses pequenos detalles o que cambian unha historia e unha vida enteira. Porque, si, sego sendo Icía, sego tendo 14 anos, sego sendo a mesma persoa, mais... Nada é igual na escola, non teño case amigos; todos rin de min. Pero non me importa, non conseguirán que cambie; porque son forte e porque nisto decido eu.