«¡Ai! Oxalá todas fixésemos como fixo dona Concepción»

PORTAS

XOAN A. SOLER

Portas vai nomear á pintira Elisa Abalo alcaldesa de honra na festa que recorda a dona Concha, unha das primeiras rexedoras de España

09 may 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

A pintora Elisa Abalo vai ser, sen dúbida, unha das protagonistas da Festa da Dona, unha cita que se prolongará ao longo de toda a fin de semana en Portas. Abalo vai ser nomeada alcaldesa de honra para lembrar un feito histórico fascinante ocorrido no citado municipio; o feito de que no ano 1925, cando as mulleres aínda non tiñan dereito a voto, fora elixida alcaldesa Concepción Pérez, que se converteu na primeira muller rexedora de Galicia e tamén nunha das pioneiras neste cargo en España.

-¿Orgullosa coa homenaxe?

-Moitísimo. Eu, aínda que vivo en Santiago dende hai moitos anos, paso os veráns na miña terra, en Portas, en Lantaño, e que te homenaxeen no sitio de onde ti es é algo moi grande. Estou moi agradecida á corporación e aos veciños e ademais estou especialmente contenta de que a homenaxe sexa na Festa da Dona, porque dona Concepción foi unha muller incrible. É impresionante que fora alcaldesa, que dera ese paso adiante cando as mulleres nin sequera podían votar.

-E tan incrible é o que fixo dona Concepción como o feito de que tantos anos despois as mulleres sigamos indo por detrás dos homes en canto a estar en postos destacados... ¿ou non?

-Pois si. Temos que ser máis decididas e teñen que deixar de poñernos tantas barreiras para avanzar. ¡Ai, oxalá todas fixésemos como fixo dona Concepción! E oxalá deixen de poñernos atrancos, porque temos moito que dicir.

-Vana nomear alcaldesa de honra, ¿imaxina pelexar por ser alcaldesa de verdade, das que teñen que ir a unhas eleccións, atreveríase?

-Non creo. Non me vexo nese mundo. Prefiro dedicarme ao que me dediquei sempre, ao mundo da pintura. E tratar de aportar algo no mundo da arte. E tamén neste eido creo que as mulleres temos que ser moi decididas... Eu levo moitos anos pintando e sígoo facendo, cada vez máis. O que pasa é que se antes estaba oito horas seguida pintando agora igual teño que parar as dúas, pero non importa. Hai que seguir e intentar aportar algo cada día, que supoño que é o que a todos nos mantén vivos. Estou moi contenta con ter aquí, na miña casiña, unha pequena sala de arte. E tamén estou orgullosa de que as miñas fillas fixeran unha fundación arredor de miña obra que ten tanto unha vertente cultural como outra para axudar aos máis necesitados.

-Fala das súas fillas... loitou ben por elas, ¿non si?

-Quedei viúva moi nova, con 45 anos e con catro fillas. Non me quedou máis remedio que loitar. Pero creo que tiven axuda divina e logrei saír para adiante.