Nai e política, loita por sacar á luz a historia de Concepción Pérez, unha das primeiras alcaldesas de España
01 abr 2019 . Actualizado a las 12:24 h.Chega cunha camiseta de Zara que elixiu porque nela loce o rostro dunha muller cheo de cor e enerxía. Acompáñase de papeis con guións e esquemas feitos a bolígrafo e subliñados con rotulador. Sen embargo, María Isabel Novo Fariña, Maribel, deputada autonómica do PP e responsable de Cultura no Concello de Portas, non trata de marcar o ritmo da conversa. A súa actitude parece máis a dunha alumna que vai a un exame e quere ter todo ben preparado. Di que sempre foi así: «Penso que xa nacín responsable e esixente comigo mesma, nos exames case enfermaba. Tamén nacín demasiado perfeccionista, cousa que non lle recomendo a ninguén». Chega tamén á carreira despois de deixar ao seu fillo no colexio. Suspira cando se lle fala de conciliación. «Concilias coas avoas. As avoas son unha marabilla, e máis as de agora, que conducen e chegan a todas partes, van ás actividades cos netos... dan tanto de si», di con emoción.
Non é raro que Maribel Novo fale do valor das mulleres. Di que o 8 de marzo non saíu manifestarse á rúa, pero que respecta a quen si o fixo ou a quen, doutro xeito, reivindicou a igualdade. «Penso que as mulleres temos que ser libres e facer o que creamos máis oportuno. Ben está as que saíron á rúa, ben está as que, por exemplo, organizamos actos con mulleres como protagonistas, ben por todas», di. Ao preguntarlle se é feminista, resolve marabillosamente o interrogante: «¿Se son feminista? Festa da Dona. Só digo iso».
Entón pasa a explicarse. Ela chegou á política hai catro anos. Fíxoo formando parte da candidatura do PP en Portas. O seu equipo entrou a gobernar en minoría. E ela empezou a traballar no eido cultural. Aí descubriu a unha muller da que ata entón pouco sabía. Trátase de dona Concepción Pérez Iglesias, unha mestra que en 1925 se converteu en alcaldesa en Portas, sendo unha das primeiras rexedoras de España nun tempo no que as mulleres nin tan sequera tiñan dereito a voto. «É algo sorprendente, pero foi alcaldesa durante cinco anos trala renuncia do que entón era rexedor, un médico. A súa elección apoiárona todos os concelleiros, salvo un voto en branco. Ademais, as crónicas contan que en Portas houbo dous días de festa para festexar este feito», explica Maribel Novo.
A deputada di que había que darlle o sitio na historia que merecía dona Concepción. E que de aí saíu a Festa da Dona, na que en Portas se lembra a súa figura e, ademais, cada ano se nomea a unha muller viva, a algunha veciña, alcaldesa de honra. Di Maribel Novo que esa é unha das súas maneiras de exercer o feminismo. E que non faltou quen, ante a homenaxe a algunha destas veciñas, lle espetaran iso de «¿e logo que méritos ten para ser homenaxeada?». A deputada, que presume de ter «as ideas moi claras», non cala: «Sempre digo que todas as mulleres temos o dereito a ser homenaxeadas, porque temos moito valor».
Na empresa do pai
Fala logo do seu propio esforzo. Foi nena do rural, filla única, criada na parroquia de Lantaño (Portas). Decidiu estudar Ciencias Políticas e afiliarse ao PP con 18 anos. Di que foi decisión propia, que na súa casa non se conversaba de política. ¿Por que ese partido? «Porque cadraba coas miñas ideas, que xa che dixen que sempre as tiven e as teño moi claras». Un trata entón de que concrete que ideas son esas. Pero pica na pedra. Como están recentes as polémicas declaracións de Suárez Illana e o aborto, pregúntaselle por aí. Pasa a palabra: «Non as lin, sei que sentaron mal, pero non podo valorar», di cun sorriso retranqueiro. Só se molla para dicir que o seu referente é Núñez Feijoo, que lle gusta como presidente pero e como persoa. Non foi el, senón Cores Tourís, quen a chamou, no 2016, para ver se ía nas listas do PP para as eleccións galegas. Non dixo que si ao momento. «Medito todo», indica. Está orgullosa de ter chegado a deputada. Di que loita para que se escoite á comarca e gábase de sacar do esquecemento a figuras como a do xeógrafo Domingo Fontán, nado en Portas.
Ten 40 anos e, de momento, cre que a política é algo puntual na súa vida, aínda que repite nas listas para as municipais. Antes desta etapa, estivo dándolle unha volta á empresa de automoción do seu pai. Fala con orgullo del. Pero recoñece que traballar xuntos e convencelo de que algunhas cousas tiñan que cambiar foi unha proba de lume. Pasouna. Logo voou coa gaivota cara a política. Di que non para e que ser concelleira implica esquecerse das fins de semana libres. Conta que o seu fillo lle sigue o rimo nos actos culturais. No fogar comparte tarefas. Pero todo é pouco. «O que menos uso da casa é o sofá», sentencia.
Na empresa de automoción do pai.
¿Votou algunha vez a un partido que non fose o seu?
Non, sempre votou ao PP. Con todo, non se atreve a dicir, como fixo o senador popular Miguel Fidalgo, que será do PP ata a morte. «O futuro nunca se sabe», di.