O Cineclube Pontevedra continúa co seu ciclo adicado a un dos grandes nomes do sétimo arte, John Ford

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Este martes proxectarase «Que verde era o meu val!»

10 mar 2026 . Actualizado a las 10:21 h.

O Cineclube Pontevedra continúa dedicándolle as sesións dos martes de marzo «a un dos mellores directores de todos os tempos, John Ford, narrador por antonomasia da historia estadounidense». Despois do visionado a semana pasada de As uvas da ira (1940), esta tarde (20.30 horas), o Teatro Principal acollerá a proxección de Que verde era o meu val! (1941).

Gañador do Oscar nas categorías de filme, director, actor secundario, fotografía e dirección artística, a película centrase nos Morgan, uns mineiros que residen nunha vila de Gales. Non só están orgullosos do seu traballo, tamén das súas tradicións e da familia, mais «a baixada de salarios provocará un enfrontamento entre o pai e os fillos. Mentres estes están convencidos de que a unión sindical de todos os traballadores é a única solución para facérenlles fronte aos patróns, o cabeza de familia, pola contra, non quere nin sequera oír falar de sindicatos nin de socialismo».

En paralelo, o Cineclube Pontevedra retoma os Luns de Filmoteca, sesións que permiten exhibir no Principal parte da programación da Filmoteca de Galicia. Deste xeito,e grazas á colaboración do Intersección ? Festival Internacional de Cine de A Coruña, entre marzo e abril achegarase «á obra dos cineastas contemporáneos Travis e Erin Wilkerson, definidos pola revista Sight & Sound como ‘a conciencia política do cinema estadounidense’. Radical e necesaria, a súa obra enlaza ensaio político, investigación histórica, arquivo e narración en primeira persoa, sempre á procura de puntos de encontro entre o activismo político e a elocuencia estética, e cunha produción absolutamente modesta en canto a recursos materiais».

 

«Viridiana»

Por outra banda, o Cineclube Belas Artes proxectará na facultade pontevedresa (19.00 horas) o filme Viridiana, co que Luis Buñuel gañou no Festival de Cannes en 1961.