Verbas de Muller, un programa para impulsar en Poio a igualdade e o empoderamento feminino
POIO
As actividades arrancarán hoxe no local social de Campelo
26 may 2022 . Actualizado a las 19:54 h.Por segundo ano consecutivo, impulsado pola Concellería de Igualdade e organizado pola Asociación de Mulleres Arela, Poio acolle, dende hoxe e ata o 5 de xuño, o programa Verbas de Muller, iniciativa que promove a realización de actividades e eventos que axuden a fomentar e impulsar a igualdade de oportunidades e o empoderamento feminino. Pola súa banda, a área municipal de Cultura financia as actuacións musicais previstas durante estas xornadas a través do Plan Músico-Cultural.
A ampla programación prevista «destaca pola súa variedade, xa que ofrece todo tipo de actividades, entre as que se atopan conferencias, faladoiros, teatro e mesmo un obradoiro de danza», sinalaron as concelleiras Silvia Díaz e Raquel Rodríguez. Así, ás 20.10 horas, inaugurarase no local social de Campelo, sede desta iniciativa, a mostra Mulleres pioneiras, a cargo de Tegra Gómez Pino. Posteriormente, a filósofa, escritora e mestra Pilar Allegue Aguete disertará sobre mulleres e igualdade.
Con respecto á xornada de mañá, organizarase o foro aberto Benestar das mulleres no mar (19.30 horas) coa participación de Paz Diéguez Montes, Dolores Rodríguez García e Claudia González López. Este primeiro bloque da programación de Verbas de Muller pecharase o domingo coa representación da peza teatral 12 uvas, 2 mulleres e 1 oliva a cargo da compañía Olivas Negras.
Posteriormente, o 3 de xuño retomarase este programa cunha das súas citas principais, un faladoiro de mulleres, no que tomarán parte veciñas, emprendedoras e empresarias de Poio abordando as súas experiencias a nivel profesional e de igualdade nos sectores nos que desenvolven as súas actividades. Participarán Alba Galiano, de Artesanía Buchiladas; Celina García, restauradora e responsable de Saud e Café; Olga Blanco, autónoma electromecánica; Noemí Blas, presidenta da Escudería Buxa Motor; e Marisé García, empresaria da autoescola Arias. Ao seu termino, terá lugar a presentación do Coro Harmonía.
Xornadas finais
Ao día seguinte, a partires das 20 horas, programouse Unha de cine, ciclo que inclúe a proxección dunha peza audiovisual e faladoiro posterior, mentres que o domingo pecharase esta iniciativa cunha dobre cita. Por unha banda, o obradoiro de danza A muiñeira vai con todo, que impartirá por Nelson Quinteiro, e, por outra, coa actuación do grupo de pandereteiras da Asociación O Ronsel.
Tanto Silvia Díaz como Raquel Rodríguez destacaron o esforzo da Asociación de Mulleres Arela «para poder ofrecer á cidadanía un programa tan variado, dinámico e heteroxéneo, a través do cal o que se pretende é poñer en valor o papel das mulleres en diferentes eidos da sociedade».