DENDE A VENTÁ | O |
04 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.UN aínda recorda os anos -non hai moitos- en que nos veráns había restriccións de auga nas nosas vilas costeiras. Había que ter coidado co que se gastaba, porque a sequía non perdoaba e máis dun concello se atopou con serios apuros para dar auga a tódolos seus veciños. Aínda máis recentemente en núcleos de poboación tan grandes como o marinense de Seixo as casas da parte máis alta quedaban sen auga cando abaixo se abrían moitas billas. Pero estes tempos pasaron. Ou iso criamos ata que descubrimos a praia de Lapamán. A pobre éche unha desgraciada. É un areal fermosísimo, pero atópase no medio de Marín e Bueu, e ámbolos dous concellos durante anos botáronlle a culpa ó veciño da falta de servicios. E este verán -por fin, porque sen tempo non era- puxéronse de acordo para dotar de duchas á praia. Non hai mal que por ben non veña, di o refrán dos vellos, e neste caso, moitos bañistas alégranse de ter esas duchas, tan brillantes elas, postas na praia. Pero claro, hai un pequeno problema. Hai demasiadas duchas para a pouca auga das súas billas. Quizais voltamos ó tempo a sequía.