«Sen colleiteiros non habería festa»

Cristina Barral Diéguez
cristina barral BARRO LA VOZ

BARRO

Xosé Manuel Fernández Abraldes vive a súa segunda Festa do Viño de Barro á fronte do Concello. Di que a cita se empeza a parecer ao que queren desde o goberno local, pero sen que perda as súas señas de identidade

18 jun 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

O alcalde de Barro vive a súa segunda Festa do Viño á fronte do Concello. Xosé Manuel Fernández Abraldes (Portas, 1961) di que a cita se empeza a parecer ao que queren desde o goberno local, pero sen que perda as súas señas de identidade. A festa cumpre este ano a súa trinta e sete edición. A fin de semana promete bo tempo, o que axudará a darlle máis ambiente, di. A festa arrancou o xoves e hoxe e mañá vive os seus días grandes.

-¿Está satisfeito co programa da Festa do Viño deste ano?

-O ano pasado tivemos que organizala case antes de ser alcalde e a xente portouse e saíu ben. Pero fíxose todo case nunha semana. Este ano tentamos introducir algunha cousiña que puidera darlle un carácter do que queremos, pero sen demasiados cambios. A festa ten un esquema consolidado en dous ámbitos, os viños de colleiteiro e os de denominación de orixe, que desde hai once anos contan cun certame de adegas.

-¿Os colleiteiros son a alma da Festa do Viño?

-O que queremos é darlle un protagonismo aos colleiteiros que, por cuestións legais, foron perdendo. Ese viño agora non se pode vender de forma libre como se facía antes. Que teñan o seu papel na festa, sen eles non existiría a festa. Por iso o ano pasado decidimos facerlle unha homenaxe cun recordo aos promotores, que foron os concelleiros e o exalcalde. Este ano tamén van ser colleiteiros. Tamén introducimos a figura do pregoeiro e este ano é Gerino Calvo, que foi director do centro asociado da UNED en Pontevedra.

-Outra novidade é o túnel do viño. ¿Que é?

-É unha zona onde por un módico prezo todos os visitantes da festa poden probar os viños de todas as adegas presentes, que este ano son dezaseis, catro máis que o ano pasado, con vinteseis viños diferentes. Ademais recibirán unha tarxeta para poder puntualos e de aí sairá o premio do público, que tamén ten a súa importancia.

-¿O alcalde é máis de viño ou máis de cervexa?

-O alcalde é das dúas, quizais se cadra son algo máis de viño, pero tampouco en exceso. Tamén depende do momento do día gústame o viño ou a cervexa. Gústame o bo viño e os da nosa zona teñen un toque diferente de acidez, pero tamén os hai afroitados.

-O de que un é alcalde as 24 horas, ¿é certo ou é unha lenda urbana?

-O cargo de alcalde absorbe moito. Si, é certo. O alcalde nunca está libre dun sobresalto ás tres ou ás catro da mañá. Chaman de emerxencias por calquera incidente. Sempre estás operativo e é certo que non tes un horario pechado, estás pola mañá, ves pola tarde e cando fai falta, aínda que sexa un domingo. Pero lévase ben porque é o que toca no cargo.

-O rexedor de Barro non naceu en Barro...

-Non, nacín no concello de Portas, pero con tres anos trasladeime coa miña familia á parroquia de Perdecanai.

Xosé Manuel Fernández Abraldes, no Pazo do Crega. FOTO r. leiro

«O visitante vai atopar un concello que paga a pena»

O rexedor de Barro, do BNG, ten o bastón de mando desde o 13 de xuño do 2015. Goberna en coalición co PSOE.

-Entre as súas afeccións está o sendeirismo e a montaña. ¿Aínda ten tempo?

-Tiven que quitarlle bastante tempo porque antes, no meu traballo [era director comercial nunha editorial], era moi raro ter ocupadas as fins de semana. Co bo tempo gustábame saír a patear. Agora con este traballo de alcalde tamén pateo por outros sitios dentro do concello, vendo cousas e charlando cos veciños. De rebote, tamén houbo que quitarlle tempo ás atencións familiares.

-Voltando á Festa do Viño, ¿como a vendería para unha persoa de fóra que non a coñece?

-Venderíalla dicindo que para quen lle guste o viño a festa é importante, hai viños moi bos, pero tamén vai atopar unha festa moi diversa con actividades para todos os gustos e públicos. Tamén vai atopar un concello que paga a pena visitar polos seus valores etnográficos, de natureza e paisaxísticos. Ademais está moi ben comunicado.