Pouco coñecen os expertos sobre o que agocha Croa do Castro. Pero hai algúns puntos que si están máis que corroborados. O profesor Manuel Gago explicou que este xacemento é o dobre de grande ca o de Borneiro e máis complexo. Ten unha antigüidade de entre 2.300-2.400 anos. É dicir, da segunda idade do ferro. Para xustificar as súas palabra Gago aportou un documento gráfico nunha tablet. Un escaneado da zona dende o aire. E o resultado é espectacular.
Segundo el, os castrexos que viviron alí separaron o que é a zona de vida e ocio da de traballo. «Fixeron un gran esforzo para modificar o terreo e adaptalo ás súas necesidades», comentou o experto.
Un dos asistentes ao acto de presentación da iniciativa dixo que nas inmediacións existe unha gran reserva de barro. «De confirmarse isto cambiaría moitas cousas», apuntaron Manuel Gago y Xosé Gago. Segundo eles, os castrexos construían as vivendas cerca de zonas mineiras como o estaño: «Pero o barro é algo diferente, sería algo inédito que uns habitantes como os ártabros fixeran un castro en torno a este recurso o que podería dar pé a moitas cuestións sobre a orixe da cultura oleira».