ELENA SILVEIRA A ENTREVISTA Antonio Pereira, «O Rulo», presidente da Asociación Oleira de Buño
05 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Antonio Pereira, O Rulo, é o presidente da Asociación Oleira de Buño, e un dos organizadores da Mostra da Olería que se levou a cabo nesta localidade malpicana durante o mes de agosto. _¿Que houbo nesta edición da Mostra que non houbera nas anteriores? _A novidade máis importante foi a inauguración do monumento ó oleiro e, en liñas xerais, unha mostra más participativa, con demostracións e actividades tamén para os nenos. Ademais, no Centro Comarcal houbo proxeccións diarias sobre artesanías, non só da relacionada con Buño, senón de toda Galicia, así como exposicións bibliográficas e rutas. _¿Por que momento pasa a olería de Buño? _Cada oleiro define o momento actual polo que pasa dependendo das súas experiencias, porque cada un é un mundo e non se pode xeralizar. Eu, persoalmente, levo unha temporada moi boa, con traballo a tope. _¿Os clientes, como en todo, son cada vez máis esixentes coa artesanía? _O cliente pide cada vez máis calidade, unha mellor terminación nas pezas, e que o deseño garde relación coa tradición oleira. _Nembargantes, algúns visitantes da mostra se queixaron da pouca innovación nas pezas. _A vanguardia non vende. A miña liña, polo menos, é partir do tradicional e darlle un tratamento máis moderno. Eso é o que funciona. _¿Que pezas teñen máis saída no mercado? _As que máis se venden son as de decoración. Seguen facéndose pezas utilitarias, pero o que máis demanda o público son xarróns, xogos de café ou platos decorativos. As queimadas, por exemplo, son conxuntos que dan moito traballo e poucos cartos. Os oleiros especialízanse en determinadas pezas e o resto xa non as fan. _¿Non cree que para o público resultan moi caras as pezas de barro? _Son baratas en proporción ó traballo que dan, porque os oleiros invirten moitas horas nelas. O fin de semana tamén tes que estar pendiente do barro.