O Convento de Santa Clara de Pontevedra, unhas das sedes das Residencias Paraíso

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Colectivo RPM

Cada proxecto seleccionado percibirá unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 euros

16 feb 2026 . Actualizado a las 17:51 h.

O Colectivo RPM, entidade adicada ao impulso da danza e as artes vivas de creación contemporánea en Galicia, abre, por décimo ano consecutivo, unha nova convocatoria anual das Residencias Paraíso. Entre as sedes deste programa artístico pioneiro atópase, no caso da cidade de Pontevedra, o convento de Santa Clara, espazo que se suma ao Vello Cárcere de Lugo, os Pazos da Cultura de Carballo e Narón, a Cidade da Cultura e o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Santiago, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, a Casa da Cultura de Vimianzo, a Fábrica de Oleiros, Artistea en Ponteareas e o Espazo RPM na Coruña.

Nestes entornos desenvolveranse as residencias artísticas entre os meses de maio e outubro nas que os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases de creación. Isto é, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica, de tal modo que se trata dunha proposta dirixida a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas.

Colectivo RPM

Esta iniciativa contará cunha comisión de valoración composta por tres profesionais convidadas e dúas persoas do Colectivo RPM, que anunciarán ene abril os proxectos seleccionados. Dende este luns, os interesados poden presentar a súa proposta, periodo que se pechará o 8 de marzo. «A comisión terá en conta a integridade artística da proposta, o seu grao de madurez e solidez, a relación co territorio e as prácticas de programación expandida que poidan acompañar a estancia durante a residencia», precisaron dende o Colectivo RPM.

Engadiron que este proxecto conta cun importe total de 25.000 euros e acollerá ata unha decena propostas en residencia, dúas máis que na pasada edición do 2015, que percibirán unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 euros cada unha delas «para favorecer as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico».

Colectivo RPM

Posteriormente, os seleccionados participarán no Encontro Residencias Paraíso, cita anual que neste 2026 terá lugar do 18 ao 20 de setembro na Illa de San Simón.