Unha mostra achégase en Pontevedra a un instrumento ancestral: a pandeireta
PONTEVEDRA
A exposición descobre ao público desde o labor que realizan os artesáns e luthiers ata o papel dos músicos e dos estudosos
04 feb 2026 . Actualizado a las 19:46 h.Inicialmente ligada a ritos relixiosos, a pandeireta é un instrumento de percusión milenario con raíces en Mesopotamia, Exipto, India, Grecia ou Roma, mencionándose incluso na Biblia, concretamente no Éxodo. Na actualidade, e tal e como resaltan dende a Deputación de Pontevedra, «a pandeireta galega é un testemuño vivo da memoria cultural de Galicia, polo que conservala significa respectar as raíces, os xestos e os sons que acompañaron xeracións».
Son conscientes de que, «con todo, a tradición só se mantén forte cando dialoga co presente», filosofía que explica que a mostra inaugurada este luns no Pazo Provincial reivindique que «innovar en materiais, técnicas e formas de interpretación non implica romper co herdado, senón darlle novas posibilidades de futuro». En todo caso, a pandeireta é un instrumento ancestral que se estima chegou a Europa na Idade Media e cuxa forma actual se consolidou arredor do século II d. C. coa adición de ferreñas e, dende entón, apenas tivo variacións.
A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral, do Consello da Cultura Galega, poderase visitar ata o 27 de febreiro no vestíbulo principal da sede da Deputación de Pontevedra. Na presentación desta mostra participaron a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, os comisarios da exposición, Luciano Pérez Díaz e Suso Vaamonde Manteiga, e o deputado de Cultura, Jorge Cubela.
Este último deixou claro que «reivindicamos a actualidade da pandeireta, defendemos a necesidade de que este legado non se perda, e tamén reivindicamos que pode e debe convivir coas manifestacións e correntes máis actuais do noso diverso panorama musical». Neste punto, Cubela puxo en valor «o intenso traballo que fixemos desde a Deputación para difundir o seu legado», ao tempo recordou que «desde o pasado xoves xa se pode ver o cuarto dos cinco episodios que compoñen o proxecto Mozas da miña aldea, centrado nesta ocasión nas mulleres do Val de Tielas, en Covelo».
Relatorios e presentacións
No transcurso desta xornada, Suso Vaamonde disertou sobre O instrumento hoxe. Métodos e novas técnicas de interpretación, uso e enfoque dos toques tradicionais, amosando os primeiros estudos acústicos do instrumento que pasarán a formar parte dos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia, así como presentou o método Nova técnica de pandeireta galega. Posteriormente, Ricardo Polín e Arturo Lamas Braña impartiron, respectivamente, os relatorios A cega de Miranda e a mudanza dos roles: pandeireteiros na vida da mítica cantareira no que se presentou o estudo Dolores, A Cega de Miranda (na súa noite máis clara), e A percusión de man no Real Coro Toxos e Froles de Ferrol.
A exposición situase, segundo engadiron dende a Deputación, en liña coa celebración da poesía popular nas Letras Galegas de 2025, de tal modo que «achega ao público o labor de mestres artesáns, músicos e estudosos do seu instrumento máis representativo, a pandeireta». De igual modo, «busca contribuír aos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia con documentos históricos e de nova creación para que, ao igual que se fixo coas gravacións de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, se poñan á disposición da sociedade».