Antonio Prieto: «As aulas teñen que ser un espazo de acollida, non de medo»

A. Davila PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Antonio Prieto, profesor de primaria y editor de la wikipedia en galego.
Antonio Prieto, profesor de primaria y editor de la wikipedia en galego.

Profesor de primaria y editor de wikipedia en galego, dará unha charla formativa este sábado no Teatro Principal de Pontevedra

18 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonio Prieto (Vilalba) leva 15 anos xerando contido en Wikipedia co obxectivo de crear contido en galego. Mestre de primaria en Vigo, este sábado dará unha charla no Teatro Principal de Pontevedra como parte das VII Xornadas de Formación Pinto e Maragota que levan por título: A diversidade sexual nas aulas. Materia pendente?.

—Como comeza o seu camiño como editor e administrador de Wikipedia e que lle motiva a seguir activo despois de 15 anos?

—Pois comecei cando estaba na universidade e por casualidade. O meu irmán buscaba unha información sobre Galicia e non a atopaba en galego, só en inglés. Deulle rabia e pasou un mes editando en Wikipedia. Díxome que debería axudalo, e foi el quen realmente me iniciou. Para min era case como facer un puzzle infinito, porque sempre hai algo novo que engadir. Creo que é necesario poder acceder a ese contido en galego e que a xente tamén o poida facer. Hai épocas nas que edito máis e outras menos, para min ás veces é mesmo relaxante.

—Que significa para vostede que Wikipedia sexa un espazo queer?

—Calquera persoa con conexión a Internet pode editar. Iso implica visibilizar identidades, linguaxes e historias que non sempre foron recoñecidas. Hai usuarios que dedican moito tempo a garantir a calidade do contido, pero tamén existe un sesgo claro: arredor do 90 % das persoas editoras son homes, e só un 10 % mulleres. Esa falta de diversidade reflíctese nos artigos. Canto máis minoritario é un grupo, máis invisibilizado queda. Por iso temos que ser nós quen editemos e fagamos visibles esas realidades, porque se non, non podemos esperar que o fagan outros. No caso do contido queer, existe, pero non é tan visible nin está tan presente como outros temas.

—Que papel pode xogar Wikipedia na construción dunha memoria colectiva máis inclusiva e diversa?

—Preparando a charla deste sábado vin que faltan artigos fundamentais: “persoa trans”, “triángulo rosa”, “lesbofobia”, “intersexualidade” ou o festival “Agrocuir da Ulloa”. Non só se trata de diversidade sexual, senón tamén de contidos propios de Galicia que non están recollidos. O meu obxectivo principal é atraer máis xente, porque a comunidade galega é pequena e coñecémonos practicamente todos. Custa moito sumar novas persoas que permanezan activas.

—A escola segue tendo unha débeda coa inclusión real da diversidade na aula?

—Creo que si, aínda que se está traballando moito e ben. Cada vez hai máis experiencias educativas e unha maior concienciación para tratar estes temas de forma activa, non só de pasada. A diversidade sexual, a afectividade ou o coñecemento do corpo están cada vez máis presentes en todas as etapas, desde Infantil ata Secundaria.

—Como reaccionan os nenos e nenas de Primaria cando se introducen cuestións de diversidade sexual e de xénero?

—Depende de como e desde cando se traballe. Se se introduce desde Infantil, adaptado á idade, non resulta estraño nin alleo. Ao contrario, esperta moita curiosidade. No meu centro, en terceiro de Primaria xa fixemos xornadas sobre educación sexual, e xurdiron moitísimas preguntas. O mellor que podemos facer é naturalizar estes temas na aula e responder con claridade. Canto máis traballemos neles, máis prexuízos desterraremos e construiremos unha sociedade máis xusta e igualitaria.

—Que papel xogan as familias neste proceso e como xestionas posibles resistencias?

—Eu apelo a legalidade, non son contidos que se escollan con unha intención oculta. Debo dicir que a maior parte das familias están a favor de que se traballen estes contidos. As reticentes son as menos. Tamén se fan xornadas abertas a familias, escola de pais, que teñen moi bo resultado. A educación ten que ser un dereito, non unha escolla. Non se nos ocorre que non aprenda matemáticas un neno, pero parece que hai certos contidos que as familias creen que si poden escoller.

—Que importancia ten a educación en diversidade para previr o acoso escolar?

—É fundamental. A educación emocional debe ser un dos piares da educación sexual e diversa. As aulas teñen que ser espazos de acollida, non de medo. Recordo con cariño un caso nun centro no que traballaba: unha nena trans que quería facer a transición ao instituto e contou co apoio total do seu grupo de amizades e das familias. Tiñan normalizadas cousas que os adultos aínda vemos con prexuízo. Podemos aprender moito observando como se relacionan eles.

—Temos referentes en Galicia que poidan servir de exemplo? Que impacto teñen no alumnado?

—Os referentes son fundamentais, porque o contrario é pensar que es raro ou único, e iso pode ser case unha tortura. Saber que hai xente coma ti é esencial. Igual que hai contidos que deberían estar en Wikipedia e non están, pasa o mesmo cos activistas LGTBI: hai moitos, pero non sempre son visibilizados. Facelo é unha maneira de ofrecer referentes positivos.

—Que cambios lle gustaría ver na escola do futuro respecto á educación en diversidade?

—Nos colexios celebramos efemérides como o 25N ou o Día da Diversidade. O ideal sería non ter que facelo, porque significaría que xa non é necesario lembrar cifras terribles nin denunciar situacións que se repiten ao longo da historia.

Centenar e medio de docentes pasarán pola xornada formativa de Pinto e Maragota

 Máis de 150 docentes de toda Galicia participarán este sábado na VII Xornada de Formación A diversidade nas aulas, materia pendente?, que se celebrará no Teatro Principal de Pontevedra. O encontro, promovido pola Concellería de Igualdade a través do programa Pinto e Maragota, está recoñecido oficialmente como formación para o profesorado en activo.

A xornada abrirase cunha conversa entre Anabel Gulías, concelleira de Igualdade, e Raquel Rey, directora da Área de Diversidade da Universidade de Vigo, baixo o título O persoal sempre é política. O programa abordará temas como a saúde mental vinculada á diversidade, a persistencia das terapias de conversión, e incluirá actividades como a gravación en directo do podcast Prendísima, unha entrevista sobre abusos na infancia, e unha mesa sobre mulleres lesbianas en Galicia.

Tamén haberá espazo para o deporte e a literatura, con María Reimóndez, Lorea Murgoitio, Álvaro Domínguez e Carlos Callón, e unha sesión sobre contido queer na Wikipedia a cargo de Antonio Prieto. O peche será poético-musical, co espectáculo Onde dormen as baleas, de Andrea Nunes e Gael de Papel.

 Vermú literario

Máis alá do programa formativo para docentes de Pinto e Maragota do sábado, este venres, dentro da programación de ciclo de vermús literarios, levouse a cabo na Libraría Paz un encontro co pontevedrés, Álvaro Domínguez, autor de Gay lo justo. La homofobia interiorizada del marica cis. No seu traballo o autor afonda na presión do heteropatriarcado sobre os homes gais cis, desmontando estereotipos e cuestionando a masculinidade tóxica. A través da cultura pop, o cine e as redes, propón unha reflexión crítica sobre os armarios invisibles que aínda habitamos.