Hugo Fernandes, autor: «É importante sermos conscientes de que pedir axuda non é motivo de vergoña»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

O álbum «Hai alguén máis feroz ca min?» é a primeira colaboración do autor portugués coa editorial OQO

08 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai alguén máis feroz ca min? é a proposta da editorial pontevedresa OQO de cara a este mes de marzo, un libro no que o autor luso Hugo Fernandes, acompañado das ilustracións de Zé Carlos Pinto, incide, entre outras cousas, na importancia da autoestima. «Este conto existe para ser contado e escoitado, para divertir e espertar a imaxinación. A aprendizaxe que xurda del será benvida, pero secundaria», sinala Fernandes en relación a un volume que, «posto que os cativos descobren o mundo recibindo información polos cinco sentidos (...), fai un divertido percorrido por eles, xogando coas características do monstro, e as situacións familiares do neno, e contrapoñendo logo a percepción a través de sensacións e experiencias gratificantes que invitan a descubrir outro modo de sentir e relacionarse», acotaron, pola súa banda, dende a editorial. E todo iso, cunha mensaxe moi clara, a de que «con empatía, apoio e a axuda adecuada, as dificultades poden superarse e os problemas, resolverse».

OQO

—Como xurdiu este libro?

—A idea inicial naceu dun xeito divertido! Un día, estaba lendo á miña clase unha das innumerables historias nas que o infame Lobo Feroz (Lobo Malo, en Portugal) facía de vilán e, nun momento dado, un alumno interrompeume cunha dúbida: «Pero por que o Lobo Malo é malo?». Esta curiosa pregunta fixo que abandonase o «guion» e iniciase unha versión alternativa da historia, que fun inventando no momento. Nesta especie de analepse, coñecíamos ao Lobo Malo de pequeno e acababamos por concluír que el, en realidade, non quería ser malo, pero, xa que o «Malo» estaba literalmente no seu nome, tivo que vivir co ese rótulo o resto da súa vida ata que acabou por asumilo e representalo. Naquel momento, non rematei de contar a historia orixinal, pero a idea dunha personaxe que abrazaba o rótulo de «malvado» contra a súa vontade comezou a formarse na miña cabeza.

—Teño a sensación de que é un libro infantil, pero cunha mensaxe moi clara e case adulta.

—Trátase, de feito, dun libro infantil, pero cuxa mensaxe transcende a infancia, abordando temas como a autoestima, a autopercepción e o modo en que nos relacionamos cos demais. Cantas veces somos asolagados por inseguridades ou medos que distorsionan a realidade e a imaxe que temos de nós mesmos? E cantas veces nos entregamos a eses sentimentos, caendo nunha espiral que nos absorbe negativamente? Ás veces, un pequeno empurrón na dirección correcta pode facer moito máis do que podemos imaxinar. É importante sermos conscientes de que pedir axuda non é motivo de vergoña. Pola contra, pode ser un sinal de forza e madurez. Ademais, neste conto, ao acompañarmos o monstro ao longo das páxinas, damos conta de que, en realidade, xa tiña dentro de si todo o que necesitaba, o rapaz só o guiou a través deses elementos.

OQO

—Ademais, ten un aspecto didáctico ou educativo, que ten que ver cos cinco sentidos, non si?

—Sen dúbida. Esta cuestión vese reflectida nas características que o monstro menciona para xustificar por que se considera «o máis feroz» e tamén nas respostas coas que o neno lle rebate esa idea, referíndose a trazos dos membros da súa familia. Porén, é importante destacar que esta mensaxe é unha capa accesoria ou opcional do conto. Eu penso que unha historia para nenos pequenos, por si soa, xa pode ser suficientemente valiosa para representar un fin en si mesma, e non un medio.

—Esta é a súa primeira colaboración con OQO, non si?

—Por agora, si. Aínda que é unha editorial galega, a pegada que OQO deixa na literatura infantil en Portugal é evidente. Dificilmente se atopa unha aula, unha biblioteca ou un estante nun cuarto sen a presenza de libros de OQO. Non hai nenos portugueses que non escoitasen xa algún conto publicado pola editorial. Espero ter a sorte de, algún día, poder dicir que o Feroz foi a primeira de varias colaboracións con OQO.

Zé Carlos Pinto, ilustrador de «Hai alguén máis feroz ca min?»
Zé Carlos Pinto, ilustrador de «Hai alguén máis feroz ca min?» LÓP

—E como foi a colaboración con Zé Carlos Pinto??

—OQO mediou no proceso de ilustración e, polo tanto, aínda non tiven oportunidade de coñecer persoalmente a Zé Carlos Pinto. Curiosamente, eu xa admiraba o seu traballo no libro Urso sonâmbulo, que gardo con agarimo na miña colección. É fácil imaxinar o entusiasmo que sentín cando souben que sería el quen ilustraría a miña historia. E tiña razón para iso. O resultado foi marabilloso! As ilustracións que fixo capturan con incrible precisión aquilo que eu quería transmitir en cada momento do conto. Ademais, as páxinas están cheas de pequenos detalles que poden pasar desapercibidos á primeira vista, pero que engaden diversión e enriquecen aínda máis a experiencia da lectura. É fabuloso!

—Que outros proxectos ten a curto e medio prazo?

—Algúns. Ata a data, teño dous libros publicados, ambos para nenos máis pequenos, pero gustaríame algún día lanzar unha historia máis extensa, para un público xuvenil. Traballei nalgunhas nos últimos anos, pero quero asegurarme de que están ben pulidas antes de levalas á luz. Actualmente, estou a rematar o Doutoramento en Educación, o que me consume gran parte do tempo e da enerxía para escribir. Porén, a escrita académica iluminou algunhas ideas que me gustaría ver materializadas algún día, como a dun libro que combinase literatura e Matemáticas. A este respecto, teño varios bosquexos de ideas que están madurando.