Conversas con Arte invita ao exministro de Cultura César Antonio Molina ao Museo de Pontevedra
PONTEVEDRA
O obxectivo deste ciclo é «difundir as diferentes manifestacións artísticas que xurdiron e xorden na provincia e en Galicia, así como as grandes personalidades vencelladas a diferentes movementos nadas ou relacionadas coa nosa terra»
21 oct 2024 . Actualizado a las 10:03 h.Tras o paso de José María Barreiro e Antón Pulido, o ciclo Conversas con Arte, que desenvolve o Museo de Pontevedra, terá este xoves (19 horas) un novo invitado, o exministro de Cultura César Antonio Molina. Nado na Coruña en 1952, o escritor, tradutor e profesor é licenciado en Dereito e en Ciencias da Información, así como doutor en Literatura. Foi profesor de Teoría e Crítica Literaria na Universidade Complutense e de Humanidades na Universidade Carlos III, así como profesor convidado en varias universidades americanas e europeas, e é Doutor Honoris Causa pola Universidade La Oriental de Nápoles.
Dende o Museo de Pontevedra destacaron o feito de que comenzara como xornalista en La Voz de Galicia. De igual xeito, exerceu como director adxunto do Diario 16 e escribe en numerosos medios de comunicación de tirada nacional. Dirixiu o Círculo de Belas Artes de Madrid, o Instituto Cervantes, a Casa do Lector e foi nomeado ministro de Cultura en xullo do 2007 polo goberno PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero, cargo que mantivo ata abril do 2009, que cesou.
É, ademais, autor de máis de medio cento de libros e atesoura «as máis altas condecoracións de España, Francia, Italia, Portugal, Serbia e Chile, así como a medalla Castelao de Galicia».
Conversas con Arte é unha aposta persoal do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, quen a través do Museo de Pontevedra «quere difundir as diferentes manifestacións artísticas que xurdiron e xorden na provincia e en Galicia, así como as grandes personalidades vencelladas a diferentes movementos nadas ou relacionadas coa nosa terra». O ciclo que arrancou da man de José María Barreiro e continuou con Antón Pulido ten previsto seguir nos vindeiros meses con outras figuras e artistas de impacto internacional con vínculo coa provincia e Galicia.
No que respecta á conferencia de César Antonio Molina, esta poderá seguirse por streaming a través da páxina web da Deputación de Pontevedra www.depo.gal e, ademais, será gravada para poder emitirse en formato vídeo e pódcast a través das plataformas Youtube e Spotify.