Rafael Quintía, antropólogo: «Hai moitas variantes do rito do baño das nove ondas da Lanzada»

Marcos Gago Otero
marcos gago SANXENXO / LA VOZ

PONTEVEDRA

Rafael Quintía, antropólogo que publicou un libro sobre as tradicións e lendas da Lanzada
Rafael Quintía, antropólogo que publicou un libro sobre as tradicións e lendas da Lanzada MARIA ARAGON

O próximo sábado os veciños de Noalla festexarán á virxe da Lanzada, nunha noite vinculada ao baño das nove ondas

22 ago 2022 . Actualizado a las 11:39 h.

Achégase unha das datas máis famosas da provincia, coa festividade da virxe da Lanzada, na parroquia de Noalla (Sanxenxo), nun dos lugares máxicos da costa galega. A festa na hermida será este próximo fin de semana.

—Por que A Lanzada está tan chea de lendas e tradicións?

—É un lugar especial por varios factores. Por unha parte, porque é un xacemento arqueolóxico moi antigo e en Galicia eses lugares están moi vinculados á mitoloxía. Sobre eles construíronse toda unha serie de discursos de carácter mitolóxica para interpretar eses espazos. Tamén porque existe unha capela que formaba parte da antiga fortaleza da Lanzada na Idade Media. Unha vez que esa fortaleza desapareceu, ao redor desa capela construíuse o santuario que coñecemos hoxe en día, e que está vinculado aos famosos ritos de fertilidade, que se fan na praia e na contorna do santuario. Ademais, hai que entender que antes a fama da Lanzada viña dada por ser un dos santuarios con maior afluencia de devotos para curar os problemas de meigallos, posesións e enfermidades do espírito. E tamén destaca por ser un promontorio que se mete no mar, como un mascarón de proa rodeado do Atlántico, un mar que se asociaba á morada das ánimas e a monstros, coa idea de que toda a costa galega era un Fisterra, o mundo descoñecido que representa o océano.

—E de que servía nese último caso A Lanzada?

—Do océano algunhas lendas fálanos din que é o lugar a onde van as ánimas, pero outras falan de determinadas entidades que veñen dese mundo. Entón temos ese cinturón de santuarios protectores na costa. Mestura todo iso e xa tes o carácter especial.

—Como era o ritual orixinal da fertilidade?

—Hai moitas variantes. A idea é que a auga representa a purificación. O carácter rexenerativo e asociado á fertilidade da auga existe noutras culturas tamén. O Cristianismo adopta este carácter. Pensemos no significado do bautismo, que representa a inmersión na auga e desa forma a morte e o renacemento ao novo estado. Ritos de fertilidade asociados a augas había en moitos lugares, e o mar non so purifica, senón que tamén é auga salgada, e o sal ten esa fama de limpar e esconxurar. E está a idea das ondas que ten que recibir a muller, e que representa a acometida fertilizadora.

—Que papel xoga a hermida?

—Da a idea de que o poder fertilizador desta praia deriva do poder sagrado que emana do santuario. Hai xente que antes ou despois de facer o baño das nove ondas, ía e pedíalle á virxe pola fertilidade, leváballe unha vela ou un exvoto. Hai xente que tamén fai o de tombarse no berce da santa, que está ao pe do santuario, ao pe dos cantís, e hai quen incluso deixa alí ofrendas ou flores. Hai rituais máis ou menos complexos segundo as crenzas de cada persoa.

—¿Por que nove ondas e non máis ou menos?

—Sobre iso hai moitas teorías. Cada un busca a súa interpretación. Hai quen di que son nove porque representan os nove meses do embarazo. Hai autores que no seu día, como Risco, dicían que eran sete ondas. E incluso localicei documentación de Pardo Bazán, onde un investigador francés fala dun baño de tres ondas ao que ían as mulleres posuídas para botar o meigallo, ou sexa que existe tamén un baño esconxurador no mar. O caso é o nove é un dos números con maior carga simbólica, porque é tres veces tres, sendo o tres un número moi significativo. Todos os números impares na medicina tradicional e nestes ritos son os habituais. Sempre se dan tres, sete ou nove voltas ao redor dun santuario, tres veces se salta por riba do lume de san Xoán, todo rito de curativo hai que repetilo tres, sete ou nove veces. Se o tres ten un carácter simbólico importante, tres veces tres éo aínda máis.

—Por que dúas noite ao ano, san Xoán e o día da festa da virxe da Lanzada?

—Non son dúas noites ao ano, realmente son máis. A máis famosa é a noite de san Xoán, que coincide co solsticio de verán. Tamén se celebra no día da Lanzada de maio, que é o día da ascensión de Cristo. Tamén pódese facer todos os sábados de lúa chea e meses sen erre, co que falamos de maio, xuño, xullo e agosto; e está o no último sábado de agosto que é a festa da virxe.