Antía Veres Xesto: «Cada vez fálase máis de nós»

PONTEVEDRA

CEDIDA

A editorial pontevedresa Kalandraka ven de publicar «O deus das pequenas cousas», traducida ao galego por Antía Veres Xesto

14 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten claro que afrontarse a un reto como é traducir un clásico como O deus das pequenas cousas, de Arundhati Roy (Editorial Kalandraka), ten que facerse «con moito respecto pola obra e máis pola autora». Tal e como recoñece Antía Veres Xesto, estamos ante «unha novela que gañou unha gran popularidade en distintos países e que foi traducida a moitas linguas, e eu creo que, se conseguiu toda esta repercusión, é precisamente pola sinceridade das emocións que esperta, por tratar temas complicados que afectan a toda a humanidade dunha maneira directa, sen reviravoltas, dende un punto de vista local e moi xenuíno, que é a mirada da nena e do neno que nos acompañan ao longo de boa parte da narración».

—¿Como foi traducir esta obra?

—Funme mergullando nos numerosos estudos que se fixeron sobre a novela, que non son poucos, e nos que se abordan aspectos da propia historia, pero tamén da mestura idiomática e da particular e xenial forma que ten Arundhati Roy de xogar co léxico. Desta vez, tamén tiven a posibilidade de consultar outras traducións a outras linguas, que puiden usar como textos paralelos para contrastar distintas interpretacións de determinadas pasaxes. Con todo, este recurso hai que usalo con moito ollo para non deixarse contaminar: o mellor é sempre dármoslle unha solución propia ao texto antes de consultar outras traducións para asegurarnos de ter unha mirada auténtica sobre o orixinal.

—¿E o máis complexo?

—O aspecto léxico. No orixinal non se emprega un inglés plenamente normativo, senón que se reflicte a situación lingüística de Kerala, polo que ten unha forte influencia do malaialam (de feito, aparecen moitas palabras directamente nesa lingua). Moitos personaxes non falan ben o inglés ou estano aprendendo, e iso implicoume dificultades de comprensión, para as que cumpriu unha boa dose de documentación adicional en comparanza con outros proxectos. Na novela hai numerosas cancións infantís coas que tiven que buscar nas miñas lembranzas de nena para atopar as palabras e as fórmulas máis axeitadas, sen descoidar rima e ritmo. Así mesmo, a autora usa o recurso da repetición de frases e nomes para evocar diferentes emocións. Neste caso, as palabras e o seu significado adquiren un valor engadido que tiven que imprimir no texto en galego, fixándome en que todo encaixase nos distintos momentos da novela no que se inclúen ditas repeticións.

—O certo é que, salvando uns casos como a obra de Arundhati Roy, a literatura india é moi descoñecida en Galicia.

—Efectivamente, e igual con moitas outras. As traducións que se fan á nosa lingua céntranse sobre todo nos mercados europeo e norteamericano, por proximidade ou (sobre) exposición cultural. Non é máis ca un reflexo do que ocorre nos medios de comunicación, que parecen reafirmar que o que acontece máis alá das nosas fronteiras ou das de Norteamérica só merece unha atención efémera. Sería interesante mudar esta situación e continuar virándonos, no que atinxe á tradución, a literaturas de culturas máis distantes, que nos abren unha xanela única e privilexiada coa que asomarnos a outros modos de vida e de pensar dende dentro. Podemos, sen sequera saír da casa, cambiar de mundo e achegarnos a persoas diferentes. Isto é moi importante para fomentar valores como a solidariedade e para combater ese mal tan perigoso que empezoña a nosa sociedade: o racismo.

—Despois de «O deus das pequenas cousas», que proxectos ten?

—Está a piques de publicarse un divertido libro de aventuras de LIX que traducín hai pouco, e tamén tiven a sorte de participar nun proxecto de teatro cunha tradución que está montando un equipo de intérpretes. Oxalá poida vela en escena. Será a primeira das obras de teatro que traducín que poida ver interpretada. Dentro de pouco poñereime cun pequeno proxecto audiovisual no que se integran música, imaxe e palabra, que é a parte que me toca a min como tradutora. Coma sempre, ireino anunciando nas miñas redes sociais, que é a miña forma de transmitirlle ao mundo o fermosa que é a nosa profesión. É o meu pequeno gran de area para contribuír á visibilización do noso traballo.

—Teño a sensación de que os tradutores son os grandes descoñecidos do mundo literario.

—Diría que cada vez se fala máis de nós e se recoñece máis a nosa profesión, aínda que está claro que a situación dista moito de ser a ideal. Moi probablemente teña unha visión parcial da realidade, porque, claro está, teño moi concienciada á xente do meu arredor acerca do esencial que é o noso traballo. Legalmente somos as autoras das versións traducidas, pero aínda é raro que, ao mencionar un libro, a xente lembre dar o nome da tradutora. Temos moito barullo que facer para espertar conciencias acerca da importancia do noso labor, pero a sensibilidade de moitas editoras, que, como Kalandraka, nos poñen en portada a canda o título e o nome da autora, axúdanos moito neste empeño.