Anisia Miranda

Xosé Luna

PONTEVEDRA

18 oct 2020 . Actualizado a las 20:03 h.

Na historiografía da Literatura Contemporánea en Galicia, en Cuba, en América Latina, figura nun lugar salientable como dramaturga, poeta, narradora e xornalista.

A muller que sempre levou na fronte unha estrela e no bico un cantar. A muller que cofundou a emblemática Follas Novas, editorial de obras galegas e distribuidora do libro galego en toda América. A muller que fundou a revista infantil Zunzún e Birijita. A muller que colaborou activamente na organización da biblioteca pública da Fundación Xosé Neira Vilas e que ademais exerceu nela como bibliotecaria día a día durante preto de dous anos. A muller que se fixo comprender polos pereiriños.

Anisia Miranda foi quen de abrazar, de aloumiñar a cultura cubana?galega e ambos amores resultábanlle conscientemente compatibles. O denominador común de toda a súa obra é (a mellor cualidade que pode ter unha escritora) a autenticidade. Autenticidade que vén dada, tal vez, porque Anisia é -en palabra poética de Xosé Neira Vilas- «daquí e dalá// daquela Antilla// daquel soleado corazón// é planta e piñeiro// sinsonte e rula// gaita e bongó// dúas patrias que o mesmo mar abraza».

E os alicerces na configuración intelectual de Anisia Miranda, como a grande creadora que foi, témolos que buscar no único libro que tivo de nena, na Habana (na súa infancia campesiña). Mercárao seu pai, nunha libraría de vello, con moito esforzo porque os cartos escaseaban.

Era un libro do pedagogo cubano Esteban Borrero que facía unhas tertulias na súa casona nas aforas da Habana nas que participaba Curros Enriquez. E non me resisto a reproducir os tres primeiros parágrafos deste libro que Anisia recitaba de memoria:

«Ler no es meramente pronunciar con voz clara las palabras impresas en los libros. Mucho es ya que uno pueda hacer eso; pero no lo es todo. Ler, cuando se hace en voz alta, es hablar por otro. Ler, cuando leemos sólo con la vista, es pensar por otro. Y como el que escribió lo que leemos pensó y sintió antes de escribirlo, nosotros pensamos y sentimos con él para interpretar lo escrito, que es el fin supremo de la lectura».

Se de min dependese á entrada de todas as bibliotecas iría pendurado un cartaz con estes tres parágrafos que marcaron a traxectoria vital da hoxe celebrada internacionalmente escritora galego?cubana.