«Acomodarse é moi fácil. Neste novo mandato ímoslle dar unha volta a todo»

Serxio Barral Álvarez
Serxio barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

Miguel Anxo Fernández Lores afrontará o seu sexto mandato como alcalde de Pontevedra «coma se fose o primeiro» e anuncia que dará «un novo impulso» ao goberno

01 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Accede á entrevista uns días despois da noite electoral, aínda que afirma que «estamos nese momento en que pedides que conteste a preguntas que aínda non teñen resposta». Miguel Anxo Fernández Lores (Vilalonga, 1954) afronta o seu sexo mandato e anuncia que quere «darlle unha volta» ao goberno para non caer «na rutina».

-O domingo había no BNG unha certa sensación de derrota, ou de decepción, cando menos.

-Había unha expectativa que daban as enquisas e as sensacións que se percibían na rúa… que logo non se viron correspondidas. Nun primeiro momento quédaseche un pouco cara de parvo, pero despois analizas, e a conclusión é que o resultado é moi bo: levamos vinte anos na alcaldía, podemos gobernar tranquilamente en calquera modalidade [en solitario, en coalición, con acordos puntuais], temos maioría, somos a forza máis votada con diferenza… Deuse unha conxunción dos astros que fixo que unha diferenza de cinco mil votos e de dez puntos se traducise soamente en dous concelleiros, cando o lóxico sería que fosen tres, case catro.

-Entón, está contento.

-Insisto: revalidar a alcaldía por sexto mandato consecutivo é un éxito total e absoluto. Debe ser o único caso que hai practicamente a nivel de Estado dunha forza política allea ao bipartidismo que se mantén tanto tempo nunha cidade. Iso ten que ver con que hai xestión e propostas serias, ten que ver con que somos de fiar. Existe unha percepción dos veciños e as veciñas de que Pontevedra mellorou. Iso percíbese socialmente, e nós somos unha garantía de que siga mellorando. Por iso gañamos.

-Segue achacando ao conflito con Ence esa lixeira baixada do BNG (550 votos)?

-E que a única explicación, sinceramente, a única diferenza cualitativa que hai con outras cidades é que aquí houbo unha campaña soterrada de Ence. Bestial economicamente falando e que afectou a toda a cidade.

-Pero o PSOE non o notou...

-Noutras cidades o PSOE tivo unha subida bestial que en Pontevedra non se viu. Subiron, pero tiveron peor resultado ca noutras cidades. Claro que lles afectou tamén a campaña de Ence, que era contra o BNG e o PSOE.

-Pasou a campaña, volverá a gobernar o BNG e vaise seguir falando de Ence.

-Nós aí non cambiamos de posición. Levamos moitos anos dicindo o mesmo... A min leváronme ao cuartel en 1978 por pegar carteis contra Ence! Non debería estar na ría e imos seguir loitando para que non estea. Non hai ningún argumento ambiental a favor, nin sequera legal.

-Falemos do Concello. ¿Como vai ser o novo mandato?

-A idea é que temos que seguir traballando na mesma liña e seguir avanzando. A nós non nos vale un notable na xestión, temos que sacar matrícula. Estamos traballando xa para iso. Enfocamos o novo mandato como un mandato totalmente novo, sacándonos certas dinámicas que poden ser rutineiras… Hai que dar un revulsivo, intentar non partir de cero, porque hai unha bagaxe e certos compromisos adquiridos, pero si que temos que darlle un novo impulso a todo.

-Fala de «certas dinámicas rutineiras». Detectaron fallos?

-Non é que fallara, pero creo que podemos darlle un novo impulso en xeral ao Concello. Podemos ter máis axilidade para certas cousas, para atender demandas ou queixas… Hai que establecer mecanismos máis directos, máis rápidos, máis efectivos.

-Parece difícil non caer na rutina cando se levan vinte anos...

-Claro que é difícil. Pero somos conscientes diso, plenamente conscientes. É moi fácil acomodarse, moi fácil, e iso fai que non se pense, que non se traballe o futuro… Hai que repensar as cousas sempre. Repensar, porque iso é o que fai que se avance, que saian novas propostas, que aparezan novos retos. Estamos nesa fase, que é a máis complicada. A fase de estudar os exames para que logo saian ben.

-Estudar o goberno, os pactos, o papel na Deputación...?

-Querémoslle dar unha volta a todo. A nós non nos gusta caer na rutina nunca. Hai que formular as cousas doutra maneira. Por iso a decisión máis importante que tomamos ata agora é que este é un novo mandato a todos os efectos. Imos facer propostas a catro anos e o máis estudadas posible. Agora é o momento de traballar para que as cousas saian ben.

-Gustaríalle que o BNG volva ao goberno da Deputación?

-Eu non estiven na Deputación.

-Estivo César Mosquera...

-Pois haberá que preguntarllo a el. A miña impresión como alcalde, e desde fora, é que a Deputación funcionou ben. Acabouse co caciquismo, houbo máis equidade, fixéronse proxectos importantes... Pero é un asunto que non depende de min.

-Pero vai haber algún concelleiro seu na Deputación, sexa no goberno ou na oposición.

-Iso non o sei. Imos darlle unha volta a todo, temos que pensar e planificar.

-Mire que se me din que Mosquera non vai á Deputación xa teño un titular!

-Ímoslle dar unha volta a todo, empezar de novo, tratar de distribuír os efectivos que temos o mellor posible.