Ons, unhas illas de premio

l. méndez BUEU / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ángel López

Xa son moitos os que disfrutan das Illas Atlánticas. Agora Galicia quere que sexan Patrimonio da Humanidade.

28 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«As Cíes quizais sexan as máis senlleiras pero tamén podemos ver como as Ons, Cortegada e Sálvora conforman unha unidade xeográfica, paisaxística e natural de inmenso valor. Estamos seguros que vai ser recoñecida e ben acollida». Deste xeito salientaba Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Educación a importancia das Illas Atlánticas como patrimonio de Galicia.

O percorrido por Ons permite avistar os primeiros turistas que, malia o tempo, xa comezan a poboar unha das illas máis características do arquipélago que busca este recoñecemento mundial. Galicia quere contar co seu Patrimonio da Humanidade e o conxunto das illas das Rías Baixas constitúe un dos mellores escaparates do valor da paisaxe galega. Trátase dun destino que leva anos sendo un dos reclamos turísticos máis importantes da comunidade e que ano a ano consegue gañar adeptos que se quedan prendidos das marabillas galegas. «Levamos anos veraneando nas Rías Baixas e sempre que podemos aproveitamos para pasar un día na illa» comenta unha nai disposta a gozar dos encantos de Ons coa súa familia.

No plano institucional xa está todo preparado para a presentación como candidatura do conglomerado paisaxístico como Patrimonio da Humanidade. Para defender este valor patrimonial galego achegáronse á illa representantes da Xunta de Galicia que puxeron en valor unha paisaxe singular como son os arquipélagos das Rías Baixas. «Queremos promocionar o enorme valor cultural e natural que teñen as illas Ons. Forman parte dunha candidatura Patrimonio da Humanidade denominada Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas que pon en valor e se difunde como unha aposta de Galicia», destacou Román Rodríguez.

A proposta xa pasou os primeiros trámites que encamiñan a candidatura cara á fase final logo de ser incluída pola UNESCO na lista preceptiva. «Queda un paso pero xa demos moitos», afirmou.

As Illas Atlánticas encaran a recta final da candidatura. Galicia quere que as súas marabillas sexan recoñecidas como Patrimonio da Humanidade.

Dinamizando o galego

Nesa paraxe que conforma Ons, un total de sesenta nenos puideron disfrutar de primeira man da natureza que pervive na illa. O Galego Campa! é unha iniciativa que pretende achegar ós máis cativos o valor da lingua galega mesturado con actividades de ocio que se constitúan como xornadas de lecer e aprendizaxe inesquecibles. Os nenos e nenas que xusto hoxe finalizaban a súa estancia, destacaban a ledicia de ter vivido unha actividade nun marco como o da illa. «Foi unha experiencia increíble. Lévome amigos de toda Galicia», dicía unha rapaza. «É un grupo boísimo. Coido que se divertiron e aprenderon», salientaba unha monitora. Para a última noite en Ons solo tiñan un pensamento na cabeza: a festa de despedida.