«O Aserejé tivemos que deixalo, atragantouse e non se puido»

La Voz

PONTEVEDRA

. Cedida

O cuarteto musical De Vacas iniciará hoxe, as 17.30 horas, no Pazo da Cultura, a tempada de concertos de outono

02 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Tres voces e unha guitarra que voan polos novos e os vellos éxitos da música das radiofórmulas. Dende Spice Girls a Enrique Iglesias, De Vacas conseguen reconverter as cancións que todos coñecemos en algo novo. Inés Salgado desvela parte dos procesos que levaron a De Vacas a levantar aplausos e sorrisos alá onde pisan. Hoxe será no Pazo da Cultura, as 17.30 horas, de balde.

-¿Como nace De Vacas? ¿En que momento di un que vai versionar as Spice Girls?

-Pois dunha maneira caralleira -rí-. Puxemos en común ideas, e pensamos que sería divertido rememorar esas cancións que tanto nos gustaban fai anos. As letras xa case as sabiamos.

-E buscaron unha guitarra que as acompañase.

-E pensamos en Guille. Dende que Berrogüetto se desfixera tiña máis tempo libre e criamos que sería algo xenial poder contar con el.

-Habería que animar á xente a buscalos en Youtube. A verdade e que deixan as cancións como novas.

-Son eses temas que durante anos nos perseguiron. Transmiten bos recordos, aínda que tamén interpretamos cancións máis actuais. Un pouco buscando a ironía e a polémica.

-¿Por exemplo?

-Pois a de Noche y día, de Enrique Iglesias. Que foi grabada aquí en Galicia e se lle deron todos eses miles de euros para unha suposta promoción...

-¿E algún tema que quixeran pero non deran adaptado?

-Non soe pasar porque as cancións as pillamos con moitas ganas, pero o Aserejé tivemos que deixalo. Atragantouse e non puidemos facer que soara como queriamos.

-Imaxino que o público soe sorprenderse ao escoitar o «Gangnam Style» cunha guitarra.

-Guille ten moito xeito. A xente sorpréndese e ata chega a non recoñecela.