Alonso Montero ensalza a Filgueira Valverde como intelectual, galeguista, profesor e investigador
22 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Moito ten escrito -e o que lle queda- Xesús Alonso Montero sobre o seu admirado Filgueira, homenaxeado este año co gallo do Día das Letras Galegas. A nova obra que presentou onte no Museo de Pontevedra a definiu como «libro de santos», «como se lle chamaba na miña aldea cando eu era pequeno as enciclopedias que tiñan debuxos e fotografías e eu gustaba moito». Xosé Filgueira Valverde. O intelectual, o galeguista, o profesor, o investigador é unha síntese iconográfica da extensa biografía de 300 páxinas do «sabio pontevedrés» que o presidente da Real Academia Galega ven de publicar con Xerais e que tamén será presentada no Museo a vindeira semana. Este resume foi editado, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, pola editorial Ir Indo na súa colección de personalidades destacadas da historia galega. «Honrar a figura do último polígrafo galego e de quen foi protagonista dun capítulo esencial da nosa cultura do século XX é un compromiso que adquirín dous anos antes de que a Real Academia decidise adicarlle o Día da das Letras Galegas», explicou Alonso Montero.
Ilustracións
Apublicación inclúe setenta ilustracións, fotografías e documentos «que retratan non só fisicamente a Filgueira Valverde, senón tamén deixan ver a súa alma e axudan a entender o que Alonso escribe del», abundou o editor Bieito Ledo. Entre esas ilustracións está a caricatura que lle fixo Castelao a Filgueira moito antes do 36. E o propio Montero aparece frecuentemente nas imaxes, sobre todo nun acto moi importante na súa vida intelectual, «foi cando ingresei na RAG e a persoa que escollín para que me respondera ao meu discurso foi Filgueira Valverde». O libro presentado onte, está artellado en nove capítulos, nos que o autor ofrece unha reseña bibliográfica do profesor e investigador pontevedrés atendendo as achegas que fixo no ámbito da literatura, do saber humanístico e da docencia. Mais na súa admiración intelectual por Filgueira, o presidente da Real Academia Galega tamén relata como «a conciencia moral» levouno a deixar o Partido Galeguista para «erosionar dende dentro o edificio intelectual do franquismo».
Exposición
A publicación deste libro enmarcase nun programa máis extenso de actividades organizadas pola Deputación para difundir a figura de Filgueira co gallo do 17 de maio, coma a exposición Un faro na construción de Galicia que se inaugurará o día 24.