«Dygra ben merece este último broche»

O peche da produtora deixou no caixón unha última obra mestra; esta é a súa segunda oportunidade


VILAGARCÍa / LA VOZ

Con títulos coma O bosque animado ou O soño dunha noite de San Xoán, Dygra semellaba un titán invencible. Un xigante da animación feita por galegos en Galicia para todo o mundo. A crise demostrou que unha cousa é o talento e outra moi distinta a patinaxe empresarial en tempos do cólera. A produtora foi a pique deixando no caixón unha derradeira obra mestra que, malia estar rematada dende o 2011, nunca puido chegar ao circuíto comercial. Juan Galiñanes (Cambados, 1980) está hoxe de aniversario. Trinta e catro anos que o director, guionista e montador arousán poderá celebrar vendo por fin estreada Holy Night!. No auditorio cambadés da Xuventude, o venres, ás sete da tarde. E o sábado, ao día seguinte, se a demanda o xustifica. De momento, abonda con retirar no Concello, ata que se esgoten, as 600 invitacións que compoñen o aforo.

-¿Esta será, logo, a primeira proxección pública do filme?

-Hai tempo, nun dos moitos momentos nos que estivemos buscando distribuidor, fixemos un pase precisamente para distribuidores, aínda que tamén coma test para ver como funcionaba. Foi en Málaga, no cine Albéniz, e resultou moi especial. Fixémola con nenos e os pais parábannos pola rúa para felicitarnos. A partir de aí só pases privados, así que podemos dicir que esta é, verdadeiramente, a súa estrea.

-¿Que pasou con «Holy Night!»?

-Cando a fixemos, atrás de Dygra andaban Sony, Universal, todos os grandes. O nome da produtora abondaba. Estabamos xogando na primeira liga. Pero a crise levou por diante a empresa e deixou moi difícil a negociación cos distribuidores, que tamén viron como mudaba o panorama xeral. Antes arriscábanse a pagar unha distribución. Agora, practicamente o único que fan é poñer os cines. O problema e a avantaxe de Holy Night! é que é unha película de Nadal. Non pasa de moda pero, claro, ten que se proxectar nesas datas, que son as máis cobizadas polas majors, [os grandes estudos que dominan a industria do cine] , que xa controlan mesmo os proxectores.

-¿Que pode supor, logo, esta estrea en Cambados?

-Cambados vai ser un pouco a clave para quitar a película do caixón entre o produtor e o banco no que se atopa e a partir de aquí poder establecer un tecido de distribución que vai ir por concellos de toda Galicia, en cines na rúa, en auditorios... Agardemos que sexa así. Tamén estamos negociando pases en salas comerciais, pero directamente cos exhibidores, non xa con distribuidoras, chamando á porta daqueles cines que teñan a posibilidade de ser donos dos seus proxectores e poñer o filme sen render contas a ninguén.

-Supoño que vela funcionar será xa unha necesidade case vital.

-Para min, logo de dous anos coa película a piques de estrearse, poder quitala do caixón xa supón moito. Efectivamente, é unha necesidade, non se pode alongar máis este proceso. E o feito de facelo en Cambados non deixa de ser algo que, aínda que se cadra non era o que estaba pensado ao principio, resulta fantástico. ¡O primeiro pase no meu pobo!

-Porque realmente este é un filme de primeira división, ¿non?

-O normal nunha peli de animación é un gasto medio duns 8 millóns de euros. Ata onde eu sei, cando preguntaba canto custaba Holy Night! a cousa andaba polos dez ou doce millóns.

-E nisto quebra Dygra.

-Pois si. Foron moitos anos en Dygra. Unha produtora punteira en animación, que a crise levou por diante. Unha empresa líder non só en Galicia, senón en España e en toda Europa, pecha cun produto de primeira división sen estrear. Creo que hai que buscar a toda costa poñerlle este último broche que Dygra merece, pechalo ben, amosando o labor no que en certo momento chegaron a traballar cento e pico persoas, moitas delas galegas.

-¿E que deixa detrás? ¿Hai verdadeiramente unha industria?

-Podemos mirar a película e chorar o que non puido ser para unha empresa que daba traballo a tanta xente. Ou podemos tratar de aprender da experiencia para decatarnos de cal é a situación real do noso audiovisual. Que non se nos encha a boca falando dunha industria marabillosa, porque o feito de que Enrrugas gañase un goya ou dous non supón que a industria estea ben con peches como o de Bren e Dygra. Teño a sensación de que entre todos deixámolas morrer.

JUAN GALIÑANES DIRECTOR DE «HOLY NIGHT!», FILME DE ANIMACIÓN QUE SE ESTREA EN CAMBADOS

«Houbo en Galicia moitas empresas nun momento, pero todo morreu por falta de cartos»

«Non se nos pode encher a boca porque ??Enrrugas?? gañase un goya se non hai industria»

«O que temos que facer é abrirnos

ao mundo e facer películas que sexan rendibles»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos

«Dygra ben merece este último broche»