«Os moluscos da batea de Aldán son os máis controlados da UE»

Marcos Gago Otero
marcos gago PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

O balance do primeiro ano do plan de reinstalación é positivo, asegura

09 feb 2013 . Actualizado a las 15:16 h.

A conselleira do Mar fixo do plan de reinstalación de moluscos nas rías galegas unha aposta persoal por sacar o máximo rendemento aos bancos marisqueiros. Pontevedra foi a primeira en poñelo en marcha.

-¿Cal é o balance que fai do primeiro ano desta experiencia?

-Estamos relativamente satisfeitos porque era a primeira vez desde o 2008 que se puido comercializar produto dos bancos que estaban catalogados como zona C. Na batea de Aldán puideron poñerse no mercado máis de 34.000 quilos de ameixa e o produto tivo unha facturación de máis de 162.500 euros, co cal estamos relativamente satisfeitos. Hai que recordar que era a primeira vez que se fai este plan na Unión e os resultados foron moi positivos.

-¿Síntese apoiada polas confrarías implicadas?

-Si, as confrarías están satisfeitas porque lles permite dar saída a un produto nos días que non hai mareas no resto das zonas. Hai que ter en conta que este foi un ano bastante complicado por bastantes episodios de toxina e houbo momentos que non puideron traballar na zona de reinstalación. E aínda así acadaron un volume alto de vendas.

-¿Hai vontade de continuar?

-Si, as vantaxes son moitas. O produto da zona C so pode ter como destino a transformación, co cal perde bastante valor, mentres que ao poder ir á batea de reinstalación, sae e directamente para o consumo. Aumenta a capacidade de traballo das mariscadoras e somos capaces de poñer máis produto no mercado.

-¿Que din os informes? ¿Hai impacto ambiental en Aldán?

-Non, para nada. Evolucionou todo perfectamente cun seguimento continuo do Intecmar, e non se detectou ningunha situación anómala.

-Os prezos si que decepcionaron un pouco os pósitos. Esperaban máis.

-A verdade é que este ano foi dunha situación de crise económica en todo o país. Non foi bo para estas especies. Non podemos obviar que era unha experiencia nova e ao mellor houbo tamén certas reticencias. Pero é un proxecto que se vai consolidando e segundo se recupere a situación económica os prezos irán en aumento.

-¿Como aguanta o molusco os días da batea? ¿Cal é o nivel de mortandade?

-Non se detectaron mortandades anómalas. As especies aguantan perfectamente a depuración, que é moi rápida, cuestión de días.

-¿Que garantía hai de que o produto cumpre os requisitos?

-A mellor garantía é que leva a certificación do propio centro de control, porque lle facemos un seguimento e cando reúne todos os requisitos para o consumo humano ponse no mercado. Podemos acreditar que son os moluscos máis controlados da Unión Europea. O centro de control de Vilaxoán é un referente a nivel mundial e aplícanse estritos controis técnicos e sanitarios.

rosa quintana conselleira do mar e do medio rural