Pose asegura fuxir dos liderados e comprender que haxa votantes socialistas desencantados
03 dic 2011 . Actualizado a las 15:21 h.O responsable provincial do PSdeG non se perde no millo á hora de valorar a caída electoral experimentada polo seu partido o 20-N. Modesto Pose (Malpica, 1955, aínda que vilagarcián de adopción dende 1986) cualifica o resultado de «moi malo, tanto en España coma en Galicia e na provincia de Pontevedra».
-¿A que atribúe o que pasou, esta zoupada nas urnas?
-A análise electoral pode ser interminable. Pero o fundamental é que hai unha situación moi complicada de crise económica e de paro, e un partido gobernando que non lle deu resposta a isto. Aínda que tampouco haxa moita esperanza, a xente vaise coa alternativa. É normal que haxa votantes socialistas desencantados.
-Non parece unha boa perspectiva para o congreso federal. Entre Rubalcaba e Chacón, ¿cal é o seu candidato?
-Os liderados teñen os seus momentos, pero eu creo no labor de equipo. E ao mellor unha das cousas que temos que cambiar se, como progresistas, queremos endereitar este panorama e dar solucións de futuro, estables, fóra de mercados na procura de rédito económico, é precisamente a obsesión de simplificalo todo nun líder. Hai moita xente esperando que dende a política se dean respostas, pero é unha tarefa colectiva.
-Ben, pero ¿o congreso?
-O reto empeza aí, a procura, a análise, a reflexión. E espero que acertemos, porque non sempre van as cousas á primeira.
-Non parece moi optimista.
-Non están os tempos para optimismos irreflexivos, Temos que traballar e buscar un fío condutor que nos leve a un mínimo de esperanza. Non xa para o partido, senón para a sociedade en xeral. Non é cuestión de optimismo senón de seriedade.
-O PP venceu en todos os concellos de Pontevedra.
-Non creo que haxa en Pontevedra un feito diferencial con respecto a Galicia. De feito, na provincia o resultado está un punto por riba da media galega. O resultado, insisto, foi malo en xeral.
-Vázquez márcalle á cabeza de lista, Carmela Silva, días para renunciar. ¿Que opina vostede?
-A discusión sobre a duplicidade de cargos fíxolle bastante dano ao partido. Compañeiros valiosos, honestos e para nada acaparadores de postos coma Leiceaga ou Mar Barcón, víronse envoltos nun debate disparatado. Eu non vou contribuír a alimentar ese debate. Creo que un partido político debe tomar as súas decisións con rigor, sensatez e, a poder ser, non prexudicándose a si mesmo.
-Si, pero vostede mesmo deixou este ano a súa acta de concelleiro polo mesmo motivo. ¿Debe ou non facer o mesmo Carmela Silva?
-Creo que a resposta anterior contesta esta pregunta. Estou seguro de que aos cidadáns lles importará moito máis o traballo que poida facer Carmela Silva para aportar solucións aos graves problemas que sufrimos, coma o paro, na poboación onde ela fai política, que é Vigo e toda a provincia de Pontevedra.
mODESTO pOSE SECRETARIO PROVINCIAL DO pSDEG-PSOE EN PONTEVEDRA