Hai vintecinco anos a nai formou parte do grupo de baile Os Trazantes de Tenorio, que agora preside. Os seus fillos seguen a súa pegada
26 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.María Pichel foi unha das integrantes do grupo folclórico Os Trazantes de Tenorio cando se fundou, hai agora 25 anos. Transcorrido ese tempo, agora preside a asociación, da que forman parte os seus fillos, Gabriel e Sofía.
«Empecei de nena no colexio, alá polo ano 1982 -comenta-, co profesor de galego Manuel Martín, que nos recreos, cando chovía, poñíanos a ensaiar pezas de baile. Logo, o 29 de xuño de 1985 fixemos o estreo cara ao público. Daquela tamén estaba o meu irmán Miguel, e o grupo estaba formado por un grupo de alumnos e tamén veciños e rapaces de Tenorio e de fóra».
Continuou no grupo ata o ano 1994, no que casou e tivo que marchar para Barcelona por motivos de traballo, pero de regreso, no ano 2000, volveuse meter no grupo de baile. Logo viñeron os fillos, que tamén bailan. «Primeiro entrou a Sofía, cuns tres anos, e daquela, Gabriel tiña rota unha perna, pero ao verme ensaiar e ensinarlle as fotos que había na casa, dixo Mamá, quero bailar coma ti. E cando lle quitaron a escaiola, empezou a bailar, o que tamén lle serviu de terapia para recuperar a perna».
Non pode disimular a súa ledicia de que os fillos sigan a súa pegada: «Estou encantadísima. Ademais, a nena tamén se meteu en canto e pandeireta, e Gabriel quere empezar con percusión, e alí estamos».
Pero María Pichel é, ademais de compoñente do grupo de baile e canto, a presidenta da Asociación Cultural Os Trazantes. «Foi entrar os rapaces e xa me zamparon a asociación, primeiro como vicepresidenta», comenta entre risos. «A miña idea era recuperar a aquelas persoas maiores que bailaran, volvelos implicar no grupo, é conseguino. Polo de pronto teño un grupiño de nais, e tamén de maiores. Inda teño que meter aos homes, que sempre custa máis, pero todo o mal é que se metera un, que logo ían todos».
Sesenta integrantes
A agrupación conta cun grupo dunhas sesenta persoas, entre bailaríns, músicos e profesores, e teñen seccións de baile, pandeireta e canto e gaita e percusión, divididas por idades, aínda que fan bailes en conxunto.
Tamén se dedican a recuperar bailes e cantigas, especialmente da zona, como os Cantos de Nadal. «En Marín e moi famosa a Danza das Espadas, que nos tamén temos, como temos a das Cintas, que en Pontevedra bailase no día da Peregrina», subliña. «Son un pouco distintas, as nosas cintas son de cores, pero iso depende da zona. Son danzas rituais e procesionais que é unha pena que se perdan».
De todas formas, é optimista co futuro das nosas tradicións. «Non fai falla máis que ver aos rapaces como os meus, as ganas que lle botan, o querer aprender, o sentimento por recuperar o antigo...», di convencida.
Utilizan como sede o instituto de Cotobade. «Antes estabamos no pavillón pero tiña moi malas condicións, aínda que xa está arranxado e quedou moi ben». No seu momento pediron permiso para utilizar o Instituto, que non tiña moitos alumnos e había sitio. «Falamos coa directora, fixen un escrito á Xunta solicitando compartir as instalacións e alí estamos. Temos as aulas, a aula de música, o pavillón, podemos gardar material, e mesmo onte fixemos o acto do 25 aniversario no centro».
No económico confesa que «imos tirando», especialmente «co que pagamos mensualmente os integrantes, porque senón, sería imposible aguantar».
«As axudas das administracións -laméntase- son moi limitadas, antes eran máis abundantes, vése que hai crise para todos. Pero somos activos, temos actuacións e tamén facemos excursións, viaxes, charlas, exposicións nos colexios da zona, colaboramos con outros grupos, movémonos bastante, participamos na batalla de flores de Pontevedra, por exemplo, e actuamos moito en Portugal, de onde nos chaman bastante».