O San Antón que máis se cotiza

PONTEVEDRA

Os veciños de Cea poxaron por galos, polos, licores, xogos de toallas e ata un porco para financiar as súas festas de verán

18 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai quen percorre a veciñanza porta por porta e quen vende rifas, camisetas ou calquera outra cousa. No empeño das comisións de festas por recadar os cartos precisos para traer a orquestra de cada verán non hai nada escrito. Por fin, hai quen recorre a un sistema tradicional que non por antigo deixa de enganchar a vellos e rapaces: as poxas. Onte tocou en Cea, parroquia que celebra en xuño a San Antón. Aló, no campo da festa, déronse cita a iso das cinco e media ducias de homes e mulleres dispostos a non volver de baleiro para a casa. Baixo unha carpa que custa os seus bos cartos agardaba unha pequena arca de Noé. Polos, poliñas, galos, coellos e ata un fermoso porco esperaban a súa quenda de par de patacas, flores, árbores froiteiras, kiwis, licores e ata un xogo de toallas cedidos polos veciños para contribuír ao seu xeito coa recadación de fondos.

O primeiro animaliño en saír ao escenario foi un galo afouto e groso que, malia ter pinta de chulito, ficou tranquilo de todo mentres o poxador marcaba o prezo de saída. Sete euros que axiña foron engordando, co persoal xa un pouco picado. «Trinta e tres á unha, trinta e tres as dúas, trinta e tres ás tres». O galo para o galiñeiro por 33 euros.

A señora Amparo foi unha das mulleres máis activas á hora de erguer a man e a voz. Cando a poxa levaba pouco máis de media hora en marcha, diante do seu asento reuníanse xa unha restra de cebolas que debía de pesar un quintal -«para que fosen boas tiñas que estar chorando», espetoulle un tipo ao poxador, que respostou de contado: «Chorar non sei, pero pesan de carallo»-, dúas cabazas grandes coma montes e un feixe de licores que durante varios minutos mantiveron o récord de cotización: 35 euros logo dunha pugna moi reñida que tivo moito de acto de fe, pois quitando as dúas primeiras botellas, que semellaban de licor café, non quedou moi claro que tipo de destilados gardaba a caixa na que o lote estaba metido.

Aló polas seis e media o produto que acadara un meirande valor era outro galo polo que se pagaron 40 euros. Case os alcanza tamén un coello que o poxador tirou dunha rede. Entre o público xurdiu entón un interrogante que non podía ter máis lóxica: «¿É macho ou é femia?». O mesmo que preguntou encargouse de sexar o animal, concluíndo que se trataba dunha coella, algún dicía que preñada, que foi adxudicada por 38 euros. Un neno que pelexara por ela sen éxito conseguiu, pouco despois, outro peludiño a mellor prezo: 26 euros. Pero quen fixo pleno foi o home que levou un parrulo bravo e arroutado por só sete euriños de nada. O ano pasado xuntáronse así 2.000 euros. A colleita deste desvelarase mañá.