O rexedor volve ao traballo tras unha baixa médica de dous meses. Regresa, afirma, «animado, contento e descansado». E, sobre todo, con ánimos renovados
28 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O alcalde fará hoxe a súa primeira comparecencia pública dende finais de xuño, cando foi operado da columna. Onte atendeu a Radio Voz dende o seu refuxio estival, preto da praia da Lanzada.
-¿Cómo se atopa dous meses despois da intervención cirúrxica?
-A verdade é que moitísimo mellor. Practicamente sen dor e cunha diferenza de calidade de vida importante, porque o último ano foi duro, con moita dor na espalda e cunha radiculopatía na perna esquerda. Agora, unha vez que me fixaron unha vértebra estou moito mellor, aínda que teño xa catro vértebras fixadas e iso me impide facer certos movementos. E teño que coidarme. Non facer esforzos, non coller pesos...
-Era a segunda operación deste tipo dende que é alcalde. ¿Será a última?
-Iso espero. O da columna é un tema complexo. Teño que levar un corsé aínda un mes mais, non podo estar sentado moito tempo, farei certa rehabilitación... Pero polo demais estou perfectamente ben, animado, contento, perdín algo de peso e estou descansado.
-Mañá [por hoxe] irá polo Concello para pórse ao día con Teresa Casal.
-Máis o menos xa estou ao día, porque sigo os medios de comunicación e manteño contactos tanto con ela como co resto dos concelleiros. Agora Teresa vai coller uns días de vacacións, e imos tratar algúns dos temas pendentes e falar tamén do próximo curso político.
-Durante esta ausencia, entre outras cousas no Concello houbo un acordo cos sindicatos e púxose fin ao longo conflito dos bombeiros...
-Neste caso non dispoño dunha información moi completa. Hai unha previsión de convocatoria de novas prazas dende hai bastante tempo. Se van a convocar, pero iso xa estaba previsto. Outra cousa é que era un conflito sen base política nin sindical ningunha e aplaudo que o sector de CC.OO. en bombeiros decidida rematar con esas movilizacións que dende logo non respondían a ningunha necesidade nin a ningún plantexamento serio pola súa parte. En calquera caso alégrome de que por fin se normalice o funcionamento. Espero que así sexa.
-Outro asunto do que tamén foi espectador é o verquido no Verdugo, en Ponte Caldelas, que derivou nun cruce de acusacións entre o Concello e a Xunta. O delegado, Cores Tourís, afirmou que as dúas praias de Pontevedra son alegais.
-A min me parece que son desculpas de mal pagador de Augas de Galicia e da Xunta. Houbo un feito puntual que pode pasarlle a calquera administración, coma é un fallo técnico nunha depuradora. Ese non é o problema. O problema é si hai mantemento suficiente para que non volva a ocorrer, si se resolve o máis rapidamente posible, si hai información transparente... E logo están os efectos secundarios: a contaminación do río por un verquido tóxico. Aí hai unha responsabilidade directa de Augas de Galicia, e non ten nada que ver se a praia está nun censo ou non. Dende o Concello o único que se pediu era información sobre si a auga era apta para o baño. Creo que neste caso, en vez de responder ás demandas dos cidadáns e das administracións a Xunta adicouse a atacar ao Concello. É, por outro lado, unha política que ven mantendo o PP dende as administracións que preside nesta provincia. Creo que o delegado territorial, ese delegadiño que nomeu a Xunta, tería que ocuparse máis de resolver problemas que de botar acusacións.
-Vexo que volve vostede coas pilas cargadas. ¿Cal é o seu plan de traballo?
-Os proxectos teñen certa continuidade, non xurden dun día para outro, e nós temos perfectamente definidas as necesidades de Pontevedra e da súa comarca, sobre todo no eido das infraestruturas de mobilidade. Interesareime por que arranquen as obras do nó do Pino, pola ponte das Correntes, polo deseño das circunvalacións e da ronda... E por que as obras en marcha rematen en prazo.