O Liceo Casino ofrece unhas xornadas gastronómicas de caza nas que se desgutarán pratos como o paté de cervo
06 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Agora que o frío tomou vantaxe ao inverno e que se achegan esas esperadas datas na que as comidas convértense nunha saborosa escusa para xuntarse coa familia, apetece un suculento prato. Hoxe comeza no Liceo Casino unhas xornadas gastronómicas sobre caza organizadas polo cátering Boketé.
O parque da Caeira xa está preparado para recibir aos comensais durante o tempo que dure esta ponte. Os cociñeiros Javier Rodríguez, alias Taki, e Ramón Abelleira encargaranse de preparar estes pratos. As xornadas non se limitan a caza menor, xa que tamén haberá guisos ou asados de cervo ou xabarín.
Trátase dunha carta sinxela e representativa onde se traballa tamén con pratos fríos como a ensalada de perdiz en escabeche, embutidos de xabarín ou cervo e patés de caza, sen que falten, por suposto, os apreciados asados e guisos de coello ou xabarín. Nesta cita gastronómica non haberá menú senón que os comensais poderán pedir á carta. Aqueles que se inician neste mundo deberán comezar pola caza menor, coellos ou perdices. En cambio, os padais máis esixentes optarán por pezas máis grandes.
Javier Rodríguez, un dos encargados ao fronte dos fogóns, asegura que agora xa non é necesario manter este tipo de carnes colgadas durante certo tempo. Agora, o ideal e guisar a peza sen que pase moito tempo. Deste xeito, tamén se evita que a carne teña un sabor moi forte.
Algúns consellos
Taki ofrece sinxelos consellos para poder servir algún destes saborosos manxares no Nadal. O primeiro paso é a fase de limpeza. Coas aves débese usar auga fervendo para eliminar dun xeito máis doado as plumas. Nos animais con pel, un pequeno truco é darlle un corte na caluga, meterlle unha cánula e soprar con forza para que o aire se expanda entre a pel e a carne. Despois, tirar con forza.
Outro dos factores importantes a ter en conta á hora de manipular estas pezas é a hixiene porque acostuman a ter un olor bastante forte.
En realidade son pratos sinxelos que se realizan como calquera estofado ou asado tradicional. Recibe moi ben as verduras e o viño que un elixa, aínda que se debe escolle algún que teña personalidades. Tamén, vaille moi ben as especias que atopamos no monte, como tomillo ou romero porque gardan certa relación co entorno do animal. Este tipo de pratos acepta moi ben os sabores doces como os purés de froitas, de marmelo, mazá ou castañas.
Todo un manxar que servirá para poñerlle boa cara aos problemas. ¿Quen dixo que non se poda comer perdices en tempos de crise?