A partir da unha da tarde de hoxe arrancará na praza da Chousa, da vila de Combarro (Poio), a oitava Festa do Mar. Trátase dunha cita orquestrada en tres eixos diferentes: Mare. Feira de Mostras; mostra gastronómica; e a concentración de embarcacións tradicionais, que non dará inicio ata este venres.
Nesta ocasión, como novidade, na praza da Chousa habilitarase unha carpa única de mil metros cadrados para a mostra gastronómica e a feira de artesanía. Asemade, na explanada do porto de Combarro levantarase outra nave, algo máis pequena -duns seiscentos metros- que sirva para a loxística dos participantes na concentración de barcos e, ao mesmo tempo, simule ser unha taberna mariñeira onde os visitantes poderán sentir con plenitude o salgado sabor da mar.
Nestes dous espazos conxugarase a tradición e a gastronomía, pero tamén a música, que ao longo dos próximos cinco días terá un papel predominante. De feito, no transcurso da inauguración da festa, a Escola de Música Tradicional de Poio demostrará toda a súa arte. Nesta primeira xornada da Festa do Mar, o programa prevé tamén outras tres actuacións musicais: a do grupo folclórico Vides Novas (20.30 horas), a do cuarteto de jazz Javier Pereiro Quartet (22 horas), e La Banda del Yofi.
Concertos na Canteira
Os hispanos cubanos de La Banda del Yofi serán os encargados de estrear, a partir das 23 horas, os grandes concertos gratuítos que se celebrarán no peirao da Canteira. Trátase dunha formación fundada polo guitarrista e baixista da provincia cubana de Matanzas, Joel Ojeda, quen estará acompañado no escenario polo cantante e percusionista menor, Carlos Salgado, e polo tamén cantante e trompetista, Franky Valencia.
O grupo complétase coas figuras de Amaury Quintero, á batería, Diego Pacheco, guitarra, e Jorge González, pianista. Todos eles ofrecen unha mestura explosiva que fusiona os ritmos cubanos coa música actual.
Neste mesmo escenario actuarán nos vindeiros días, pero media hora máis tarde, Chenoa e Rosendo, mentres que o sábado, trala tirada de fogos de artificio, tocaralle a El Combo Dominicano.
Por outra banda, o venres, sobre as cinco da tarde, prevese a chegada das primeiras embarcacións tradicionais as augas da costa de Combarro, ao tempo que se abrirá ao público a exposición audiovisual Brest. Xa pola noitiña, os cambadeses de Unha Grande Chea poñerán son á taberna mariñeira, un labor na que serán relevados o sábado polos integrantes de Debuxos Reanimados.