As orixes dos Xogos centraron a seguinte parte do programa cunha representación teatral e con animación musical dos mitos nos que se basearon as antigas celebracións gregas. Deste xeito, os rapaces de Primaria e de ESO describiron no escenario o mito de Medea, cunha perfomance, mentres que o de Orfeo e Eurídice fíxose con instrumentos. Os recitados e un barco centraron a historia de Ulises e o teatro de sombras explicou a lenda de Heracles.
A cultura e a mitoloxía deron paso ás competicións. Os mellores deportistas dos cursos de Primaria, ESO e Bacharelato foron os protagonistas de cinco probas, axustadas ás condicións físicas de cada curso, e que foron as máis tradicionais dos célebres Xogos Olímpicos de séculos pasados. Tratábase dunha carreira de velocidade ou de estadio, outra de dólico ou de fondo, ademais de lanzamentos de xavelina e disco. Os nenos tamén fixeron salto de lonxitude.