Acción para o verán

La Voz

PONTEVEDRA

Presentáronse onte as actividades que se desenvolverán na provincia no marco da campaña Acción de verán 2008, da Dirección Xeral de Xuventude, na que cabe subliñar a oferta de 2.400 prazas para mozos de 9 a 17 anos, nos campamentos xuvenís, e de 18 a 35 anos, nos campos de traballo.

Francisco Verea, delegado da Vicepresidencia, explicou que os campamentos xuvenís desenvolveranse na Illa de Ons, As Sinas (Vilanova de Arousa) e Pontemaril (Forcarei). No primeiro, haberá actividades de orientación, bicicleta de montaña, astronomía e natureza mariña; no segundo, deportes náuticos como vela, táboa, piragüismo de kaiak-polo, e na terceira das instalacións citadas, ofertanse actividades como piragüismo, piscina e rocódromo, entre outras.

En canto a campos de traballo, a provincia acolle tres, que se desenvolverán nas Illas Cíes, con actividades de carácter medioambiental; en Cuntis, de contido arqueolóxico; en Moaña, con traballos de recuperación de embarcacións tradicionais galegas e por último, no Concello da Guarda, onde se desenvolverá un campo de traballo de integración, medioambiental e arqueolóxico.

Actividades mariñas

Por outra banda, o delegado Francisco Verea indicou que desde o pasado 25 de marzo, estánse tamén a ofertar prazas para realizar actividades relacionadas co medio mariño, neste caso dirixidas a mozos entre os 18 e os 35 anos.

Os interesados poden elixir entre dúas travesías en embarcacións tradicionais galegas que se desenvolverán polas Rías Baixas, unha ruta de achegamento ao kaiak de mar, tamén nesta zona das Rías Baixas, e a actividade denominada O noso mar desde a cuberta, consistente en tres días de convivencia nun barco clásico, o velero Nauja, na ría de Arousa.

A campaña Acción de Verán 2008 engloba un extenso abano de actividades culturais, ambientais, recreativas e deportivas que se levarán a cabo do 15 de xuño ao 30 de setembro e nas que poderán participar un total de 10.000 mozos.

Ademáis, a campaña promovida pola Dirección Xeral de Xuventude contempla programas de intercambios bilaterais con outras comunidades autónomas e campos de traballo noutras comunidades e no estranxeiro.

As solicitudes de participación pódense presentar ata o vindeiro 11 de abril e en caso de irmáns, poden facer unha solicitude múltiple. Máis información na web, www.xuventude.net. O sorteo será o 5 de maio, en Santiago.