O son das bandas

Chelo Lago

PONTEVEDRA

Ao redor de mil músicos de agrupacións de toda a provincia participan no certame que comenza hoxe

05 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Uns mil músicos de dezasete bandas de música da provincia participan desde hoxe e ata o vindeiro domingo, no certame provincial Deputación de Pontevedra, que se vai desenvolver no Pazo da Cultura, con entrada libre e gratuíta.

Abren este concurso os inscritos na sección terceira, conformada por bandas cun número de compoñentes entre 35 e 45. Cada agrupación das seis que están inscritas nesta categoría interpretará dúas obras, unha obrigada, que neste caso é a fantasía galega Gaudila, do compositor e músico Andrés Álvarez Hernández, e outra elixida por cada banda.

A partir das 20 horas, intervirán o Ateneo Musical de Bembrive, baixo a dirección de Armando Viñas Alonso, que tocará como tema libre o poema medieval de Ferrer Ferrán, Juana de Arco. A Unión Musical de Cabral, baixo a batuta de Julio Álvarez Pereiro, interpretará Muralles, de Juan-Gonzalo Gómez Deval. A Banda de Música Reveriano Soutollo, de Poneareas, con José Fernández Prego ao fronte, aposta por Virginia, de Jacob de Haan e a Banda Escola Unión Cultural de Campo Lameiro, dirixida por José Luis Represas Carrera, interpretará Three Inventions, de Pi Scheffer. Para rematar, a Banda Municipal de Caldas e a Banda Escola de Música da UVCD de Candeán, dirixidas, respectivamente, por Daniel Portas González e Ángel Antonio Montes Abalde, tocarán como tema libre, Moment for Morricone, de Morricone, e Crown imperial, de William Walton.

Para final do programa deste primeiro día do certame actuará, como agrupación invitada, a Banda de Música de Pontevedra, baixo a batuta do seu titular, Javier Viceiro Filgueira.

Sección segunda

Mañá, sábado, a partir das 18 horas, concursan as bandas da sección segunda, conformadas por un número de compoñentes de 45 a 60, e a da sección especial -de 80 a 115 músicos- e na que só está anotada a Banda Municipal de Silleda, que tocará como peza obrigada, Na picoña, de Luis Carro Martínez. No outro apartado deste día participan as bandas Xuvenil de Xinzo, Popular de Rubiós, Sociedad Cultural Atlántida de Matamá, Xuvenil de Torroso, Agrupación Músico Cultural de Ribadumia e Municipal de Valga, que interpretarán obrigatoriamente Soños, de Pablo Beltrán Sobrado. Nesta xornada, os invitados son Odaiko Percussion Group.

E o certame rematará o domingo, no que actuarán, a partir das 16 horas, as bandas da sección primeira, con un número de músicos comprendido entre 60 e 80. Estarán a Banda de Música de Salcedo, Xuvenil de Barro, Escola de Música de Berade e a Unión Musical de Meaño. A peza obrigada será Rapsodia en azul e branco, de Fernando Vázquez. O encontro clausurarase coa actuación do Cuarteto de Clarinetes Dibaseto.

Todas as agrupacións recibirán unha achega económica pola súa participación, que será de 3.600 euros na sección especial, 3.000 na primeira; 2.400 na segunda e 1.800 euros na terceira. Tamén haberá un gañador en cada categoría, que recibirá 5.700, 4.800, 3.900 e 3.000 euros, respectivamente.

Ademáis, as bandas que obteñan a mención de honra tamén fanse acreedoras de cheques por valor instrumental.

E a Deputación dota o premio Manuel Quiroga para os directores das bandas, que ten unha cuantía de 600 euros para os da sección especial; 500 nas da primeira, 400 na segunda e 300 na terceira.