A arquitectura no cinema

Chelo Lago

PONTEVEDRA

O Cineclub inicia unha nova tempada coa proxección dun filme sobre Frank Ghery, o autor do Guggenheim

05 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O Cineclub Pontevedra comeza hoxe unha nova tempada coa proxección da película titulada Apuntes de Frank Gehry dentro dun novo ciclo denominado Arquitectura no cine. A proxección terá lugar na Biblioteca Pública, en sesións de 20.30 e 22.30 horas.

Trátase da primeira longometraxe documental do cineasta Sydney Pollack que o fixo sobre o seu amigo e famoso arquitecto Frank O. Gehry, autor de edificios emblemáticos como o museo Guggenheim de Bilbao, a Casa Danante de Praga, a Torre Gehry de Hanover ou a Universade de Minnesota.

Galardoado en 1989 co premio Pritzker, o máis importante do mundo da arquitectura, e medalla de ouro do Colexio de Arquitectos de Estados Unidos e do Real Instituto de Arquitectos de Gran Bretaña, Frank Gehry traballa sempre a partir de apuntes. Precisamente os apuntes orixinais que fixo para cada un dos seus grandes proxectos serviron a Pollack para explorar o proceso de transformación dese primer apunte abstracto en materia tanxible, unha maqueta tridimensional construída normalmente con cartón e celo, antes de convertelo nun edificio de titanio e vidro, de formigón e aceiro, de madeira e pedra.

O ciclo sobre arquitectura continuará o vindeiro mércores, día 12, coa película Luces no atardecer, do finés Aki Kaurismäki, ambientada no mundo dos desfavorecidos nunha sociedade do benestar. Este filme, datado no 2006, remata a súa recente triloxía finesa que compoñen Nubes pasaxeiras (1996) e Un home sen pasado (2002), xa proxectadas en tempadas anteriores.

Pero a programación para estes dous primeiros meses da nova tempada dada a coñecer polos responsables do Cineclub Pontevedra inclúe tamén un ciclo con temática xuvenil, en colaboración coa Briga, aberto ao público. Neste caso, as proxeccións levaránse a cabo no Teatro Principal, en sesións de 20 e 22.15 horas, e logo haberá un coloquio entre os asistentes.

Compoñen este ciclo Báilame a auga, (19 de septembro); Monster, (26 de setembro); Felices dezaseis, (3 de outubro); Requiem for a dream, (11 de outubro) e Barrio, (18 de outubro).

Báilame a auga é unha película española de Josetxo San Mateo, protagonizada por Pilar López de Ayala, Beatriz Argüello, Fede Celada e Unax Ugalde. Munster, de Patty Jenkins, conta no seu reparto con Charlize Theron, Christina Ricci e Bruce Dern e baséase nunha historia real dunha prostituta asasina que foi executada no outono do 2002 en Florida. A inglesa Felices dezaseis está firmada por Ken Loach e a americana Requiem for a dream, por Darren Aronofsky.

A programación do Cineclube Pontevedra para estos dous meses remata cun clásico, Federico Fellini e a súa película Oito e medio, que se pasará, como todas as demais, en versión orixinal con subtítulos en español, o 24 de outubro, ás 19 e as 21.40 horas, na Biblioteca Pública.