Un verán moi activo

La Voz CH. L. | PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

Reportaxe | Outro xeito de pasar as vacacións O Concello oferta case que 800 prazas para campamentos e actividades de tempo libre para nenos e mozos de 8 a 30 anos, todas subvencionadas, algunhas na súa totalidade

20 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A proposta do programa Ponteverán 2007 inclúe 18 actividades dirixidas á infancia e a mocidade de Pontevedra coa intención de ocupar o tempo libre das vacacións dun xeito formativo, lúdico e educativo, tanto na cidade como no rural ou en Monte Porreiro. Os destinatarios son nenos e mozos de 8 a 30 anos empadroados no municipio de Pontevedra. Entre os campamentos está o denominado Amigos do mar e da montaña, de convivencia e itinerante entre os concellos de Pontevedra, Poio, Vilagarcía, Pontecesures, Valga e Vilanova de Arousa e con 13 prazas dispoñibles; o campamento urbano, con sede na Casa da Luz, para 50 rapaces de 8 a 13 anos; e os do rural, en Salcedo, Xeve e Ponte Sampaio, Mourente. Tamén haberá un campamento polideportivo organizado polo Instituto Municipal dos Deportes. Logo haberá campamentos de tempo libre e medioambientais nas Corcerizas (Ourense), unha estadía na Serra do Xurés e rutas de sendeirismo para coñecer recunchos de encanto do noso contorno máis inmediato. Pero Ponteverán tamén propón cursos e obradoiros, como os de iniciación a escalada (con 12 prazas), masaxe e relaxación (20), informática e cociña e subsistencia doméstica para persoas de 13 a 30 anos e cun total de 25 prazas dispoñibles. Tamén haberá un obradoiro de achegamento á astronomía que se impartirá do 16 ao 20 de xullo e con 25 prazas. Está dirixido a xoves de 12 a 30 anos, e dividiranse os grupos segundo as idades. O curso consta de 20 horas de duración distribuídas en varias sesións de dúas horas cada unha e rematará cunha xornada nocturna de visualización con prismáticos e telescopios nunha zona illada. A inscrición é gratuíta. Polo que respecta á urbanización de Monte Porreiro, programouse un curso gratuíto de iniciación á animación e ao tempo libre, pensado para mozos que traballan en colectivos e asociacións realizando tarefas de dinamización. Tamén haberá actividades de tempo libre para rapaces de 8 a 13 e de 14 a 17 anos, con sendeirismo, xogos, obradoiros, actividades deportivas, visita ao zoo, unha viaxe en tren e en barco e un día no Aquapark, entre outras. Os interesados poden solicitar máis información e formalizar a súa inscrición na Casa de Cultura de Monte Porreiro polas tardes, e na oficina da OMIX, na Casa Azul, de luns a venres, de 9 a 14 horas, onde darán conta de todo o programa Ponteverán 2007.