Futuros artistas

Chelo Lago PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

FOTO CEDIDA POLO IES A XUNQUEIRA 1

Reportaxe | Exposición no IES A Xunqueira 1 Alumnos do bacharelato artístico do IES A Xunqueira 1 exhiben as súas creacións e montaxes, moitos realizados con materiais reciclados. O resultado, sorprendente

02 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? maioría dos traballos que se mostran no centro son de alumnos de primeiro de bacharelato aínda que tamén hai algúns do curso superior. Trátase dunha exposición moi variada, como debe ser unha mostra escolar que recolle o traballado nas aulas e nos talleres durante todo o curso. Así, hai cómic en dúas versións, con imaxes concretas e abstractas; autorretratos nos que os mozos tentan plasmar a súa imaxe a través dos seus gustos e afeccións a través dun xogo de distorsións e xiros, como comenta o profesor Fernando Carballa. Tamén figuran gravados, traballados con tres pranchas, ou volumes con formas tridimensionais partindo dun plano en papel, pero tamén outras técnicas, como acuarelas, acrílicos, pasteis... O volume tamén traballouse con pranchas de estaño e latas de bebidas para realizar figuras humanas intentando controlar a anatomía. Tamén un verdadeiro xardín de plantas e macetas de dito material. A mostra conta cun apartado dedicado ao arte povera, en colaboración cos alumnos da Facultade de Belas Artes, que lles facilitaron os materiais reciclables que logo interpretaron os rapaces do IES. Neste apartado figura, por exemplo, a obra MP3 de pared, unha parodia das novas tecnoloxías cun teléfono vello forrado con papel de partitura no se que sustituiron os auriculares por uns cascos de música, ou Fast Food, unha crítica á comida rápida materializada cunha tostadora pintada de vermello Mc Donalds, equipada con pernas e brazos e cun boneto representando a obesidade. A obra complétase cun bote de ketchup, condimento oficial deste tipo de comida, como explican os seus autores. Outros alumnos mostraron a súa repulsa ao modelo imposto pola televisión e ao tempo que os rapaces pasan diante dela. Para iso baleiraron un vello televisor, pintáronlle unhas espirais como ollos para crear a sensación de hipnoses, e un círculo como boca do que pendura un cable como si fose dun chupete. Esta curiosa e sorprendente exposición pode visitarse ata o día 20.