Espectáculos | Festival Galego Quince compañías con cen personas entre artistas e personal técnico, convertirán a Pontevedra, do 28 de abril ao 5 de maio, no centro do espectáculo máis descarado
24 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Pontevedra será a sede da segunda edición do Festival Galego de Cabaré, que o pasado ano celebrouse en Oleiros. Unhas cen persoas, entre artistas e equipo técnico, de quince compañías daranse cita na cidade entre o 28 de abril e o 5 de maio nun festival que segundo o seu director, Nelson Quinteiro, vai ser moi completo onde non faltará o aspecto formativo, se ben o que se vai estudar no obradoiro de cabaré «non está en ningún plan docente establecido» e será só apto para adultos. Ademais, anunciou un «desperreche total» durante todo o festival. Para abrir boca, o día 28, ás 12 horas, haberá un pasarrúas con pernilongos, unha banda de músicos e cabareteiros que desfilarán polo casco antigo. Logo, os días 2 e 3 de maio, haberá un circuíto cabaré no local Jazz Café Night and Day, ás 22 horas, con espectáculos como os de Detour e os Fabulosos Cubatas the Fockink Brothers. Despois haberá dúas galas no Principal, os días 4 e 5, ás 21.30 horas. A primeira O grande musical está dedicada aos anos trinta e aos cafés cantantes -«a esas estrelas estilo Ana Kiro», chanceou Quinteiro na presentación-, coa intervención de Pepa e Davide, Detour, Divino Malabar ou Sila Mitchell. E outro, Femme fatale, que é unha homenaxe ás grandes actrices dos anos trinta. Femme Fatale fará o estreo da súa obra, Lerchas. E tamén intervirán Yoni Mediogramo, Gabriella Sacaúntos e o grupo Erótikas, que veñen de Bos Aires, Arxentina. O prezo das entradas para estes dous espectáculos será de 5 euros, 3 para estudantes e pensionistas. E a organización avisa que «temos seguro de responsabilidade civil» Obradoiro A parte formativa do festival -«exclusivamente só para adultos», como recalcou Nelson Quinteiro- é un obradoiro que se levará a cabo no Pazo de Cultura, do 7 ao 11 de maio e de 18 a 22 horas. Impartido por os integrantes da compañía Femme Fatale, no curso haberá catro dinámicas diarias, dunha hora de duración cada unha: unha para exercitar o corpo, con exercicios físicos, outra de baile, logo de formación teatral e finalmente, de montaxe. Haberá 15 prazas dispoñibles e o prazo de matrícula rematará o 4 de maio. O prezo da matrícula é de 90 euros, na que vai incluído o material e formación. Os interesados poden inscribirse no 666 014 494. Por certo, non se precisa ningunha formación artística.