Praza da Ferrería O Concello premia os proxectos dun rexistro da propiedade intelectual, unha oficina de informes periciais e xudiciais para o rural e o turismo en casas particulares de Bora
15 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.Ser emprendedor hoxe en día non é que sexa moi doado, e máis se o protagonista é un mozo. Ter unha idea que chegue a funcionar custa esforzo, pero sobre todo o complicado é acadar finanzamento e chegar a poñela en marcha. Sábeno ben os gañadores do concurso de Ideas Empresarias que acaba de fallar o Concello pontevedrés e que onte recibiron os seus premios. Os proxectos -en total presentáronse nove- foron de variada temática, e o primeiro, dotado con 1.500 euros, foi a parar a Hilda Adán Camiña, que presentou a idea denominada Mahide. Consiste na creación en Pontevedra dunha oficina adicada ao rexistro dos dereitos da propiedade intelectual e industrial. A empresa ofrecería, ademais, rexistro de nomes de Internet e defensa legal dos dereitos dos seus futuros clientes. Outros proxectos O segundo premio, cuia dotación é de 1.000 euros, recaiu en Lucía Iglesias Rivas, que presentou o proxecto Agrotec, enfocado aos sectores técnico e agrícola. Trataríase dunha oficina que desempeñaría as funcións de medición de fincas, elaboración de informes periciais e xudiciais, valoración de bens rústicos, proxectos como legalización de augas, plantas de elaboración, adegas ou asesoramento técnico na selección de cultivos e protección fronte ás pragas, entre outras. E o terceiro premio, con 500 euros, foi para Alejandro Güimil Fariñal. Sin duda, a súa é unha idea ambiciosa, centrada na dinamización do rural a través do turismo, pero un turismo «máis auténtico». O proxecto Embora, enfocado para a parroquia pontevedresa de Bora, pretende que os visitantes durman e almorcen nas propias casas dos veciños e participen nas actividades cotiás, ademáis de dispoñer dun amplo abano de actividades complementarias, que levarían a cabo os propios veciños da zona. «O obxectivo -sinalou o Concello- é o de coñecer, de primeira man, o estilo de vida dunha parroquia galega nun ambiente de trato familiar». A entrega de premios a realizaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción Económica, Teresa Casal. Un proxecto que xa é realidade é a exposición de fotografía e pintura que o artista marinense Antón Sobral ten estes días no Centro Social Caixanova da cidade de Vigo. Océano Sobral, que así se titula, propón unha viaxe polo mar galego, un océano «de cor, un mar acougo, un mar bravo», con referencias aos elementos que «iluminan a creatividade» deste artista. Entre as fotografías destaca a da poetisa Yolanda Castaño como serea. Para os interesados en coñecer este mar, a mostra permanecerá aberta ata o próximo día 26 de este mes.