Praza da Ferrería O Chop e o primeiro hospital de España que adopta unha nova medida de hixiene que prevén as infeccións nos pacientes
31 oct 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O Complexo Hospitalario presentou onte unha campaña que propón establecer entre o persoal do complexo o novo paradigma de hixiene de mans que recomendan os grandes organismos internacionais de prevención. As mans limpas salvan vidas é o nome desta campaña que explicou o xefe do servizo de Medicina Preventiva do centro pontevedrés, Francisco Vázquez Vizoso. A iniciativa pretende extremar a prevención coa implantación do sistema de limpeza de mans con solucións de base alcohólica co que se melloraría a seguridade dos pacientes ingresados, reducindo a posibilidade de que adquiran unha infección. Por certo, que eses riscos de infección son, según os datos facilitados e valorados polo citado facultativo, realmente baixos no Chop: ás infeccións hospitalarias debidas a bacterias multirresistintes afectan a 2,8 de cada cen operacións cirúrxicas; 4,1 de cada 1.000 estadías e 3,7 de cada cen ingresos. Reto O reto da campaña que se presentou onte é, como apuntou Vázquez Vizoso, conquerir que de aquí ao ano 2008 todo o persoal sanitario do Complexo Hospitalario de Pontevedra utilice ese sistema de lavado de mans cun produto de base alcohólica de xeito sistemático antes e despois de entrar en contacto cun enfermo. Para elo, instalaranse dispensadores en todas as habitacións dos pacientes, nos controis de enfermería, nos puntos de extracción de sangue e mesmo nos carriños de medicación. Vantaxes O impulsor da campaña, que estivo acompañado na súa exposición pola xerente do Chop e o director asistencial, María Codesido López e José Mª de Lis Muñoz, subliñou o efecto bactericida das solucións alcohólicas e indicou que con este método de limpeza de mans que se quere implantar elimínase o 99% da carga bacteriana, por só o 40 do lavado convencional ou o 70 de cando se utiliza un antiséptico. Ademais, nunha profesión «na que moitas veces tes que andar as carreiras» hai tamén un aforro de tempo pois non se necesita ir a un lugar onde haxa auga corrente, senón que os dispensadores pódense colocar en calquera parte e con 20 segundos están as mans limpas, ademais de ser mellores para a pel dos traballadores pois conteñen emolientes cosméticos. A campaña está na súa fase de lanzamento. Fixéronse reunións e presentacións no complexo e agora vaise ir por os diferentes servizos para explicala. Haberá tamén carteis globais da campaña e pins, xunto con materiais formativos. Ademais, para ir creando ambiente tamén se convocaron uns premios de carteis de campaña relacionados coa hixiene de mans e o uso de produtos alcohólicos, que iranse cambiando cada mes e medio. Pode participar calquera persoa pero desde o Chop vaise contactar con alumnos de Belas Artes e Publicidade. Os premios son de 2.000, 600 e 400 euros. Cada participante deberá facer unha serie de catro ou cinco carteis. Guerra de Irak Precisamente limpas non teñen as mans os militares que o 8 de abril de 2003 dispararon en Bagdad contra o cámara galego José Couso. A loita da súa familia por acadar un xuízo no que se investigue a morte do reporteiro dura xa case catro anos e dela falou onte en Pontevedra o seu irmán Javier, invitado pola CNT para abrir as Xornadas Libertarias. A súa conferencia, Irak: Guerra aberta, fixo un percorrido pola situación deste territorio devastado ao que Javier Couso volveu trala morte do seu irmán, co fin de agradecer a atención dos médicos que o trataron, e cos que segue mantendo contacto. Nunha entrevista á La Voz, Couso criticou a intervención estadounidense e a actual situación do país, «que no la podemos ni imaginar». «La gente de allí quería democracia, pero lo que ha traído Estados Unidos es la aparición en el gobierno de laos partidos confesionales. Ahora incluso la educación está segregada y niños y niñas van separados». Sobre a súa loita por acadar un xuízo sobre o seu irmán, Javier Couso indicó que a querella desestimada pola Audiencia Nacional, que alegou non ser competente para instruir o caso en España, está agora pendente de fallo no Tribunal Supremo. Pero deixou claro que «agotaremos todas las vías» ata conseguir xustiza. A CNT xa pediu fai meses ao Concello que dedique unha rúa en Pontevedra a José Couso, «como símbolo desta guerra, que desencadenou a invasión estadounidense, e coma homenaxe a todos os xornalistas asesinados por ser voces incómodas». Nembargantes, o sindicato aínda non recibiu resposta do equipo de goberno acerca desta solicitude. «Tentaremos retomar de novo o tema», suliñou un voceiro do sindicato.