En dous minutos | Ciclo de música Entre os invitados figura o prestixioso pianista Daniel del Pino
21 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Co concerto da Orquestra Sinfónica Estatal de Moscova, a Sociedad Filarmónica pontevedresa inicia a que será a súa tempada número 86, xa que a entidade desenvolveu unha programación estable desde 1921. Este concerto, e o último da tempada, o 21 de maio, tamén a cargo doutra orquestra, a Filarmónica Bohuslav Martinu de Zlin, celebraranse no Pazo da Cultura, mentres que as restantes terán como escenario, como é habitual, o Teatro Principal. Para o primeiro destes recitais a sociedade repartiu invitacións entre os seus preto de 600 socios, nunha primeira campaña para promover a captación de novos membros. O presidente da Filarmónica, José Carlos Fontoira, recoñece que o groso da programación da entidade está enfocada desde a súa fundación á música de cámara, aínda que é habitual a presenza durante a tempada de dúas orquestras. Así, os outros dez concertos estarán protagonizados por unha orquestra de cámara, catro cuartetos de corda, dous tríos con piano, dous pianistas e un dúo de chelo e piano. «Este año -subliñou Fontoira- tenemos una gran competencia con la programación del centro cultural de Caixanova, pero nos alegramos porque es bueno para Pontevedra. De todas formas, nosotros apostamos desde siempre por la música de cámara». Despois do concerto de mañá, o programa continuará o luns 30 co Cuarteto Bennewitz. No mes de novembro están previstos outros dous concertos, o do cuarteto de corda Lotus (o día 15) e o da Orquestra de Cámara Leos Janacek (o 20). E en decembro, o prestixioso pianista Daniel del Pino ofrecerá o único recital programado, o día 4. ? Recoñecemento Del Pino, nacido en Beirut fará en novembro 33 anos, desenvolveu unha actividade concertística polos cinco continentes e en salas tan recoñecidas como o Carnegie Hall de Nova York, a Kravis Arts Center de Florida ou o Teatro Verdi de Terni (Italia). A súa interpretación da música española e de Chopin foi eloxiada en numerosas ocasións e conta, entre outros, co premio extraordinario Fundación Guerrero en 1995. Precisamente, o repertorio que interpretará en Pontevedra inclúe un dos cadernos de Iberia, de Albéniz, e un fragmento dunha peza de Chopin, Doce estudos para piano. O 2007 iniciarase co concerto o 25 de xaneiro do Cuarteto de corda Apollon, mentres que en febreiro actuarán no Principal o Trío Xyrion (de violín, violoncelo e piano), o día 1; o Art Trío Bohemia (de violín, violoncelo e piano), o 5 e o Dúo de Salzburgo (violoncelo e piano), o día 12. A pianista israelí Dalia Ouziel será a aposta da Filarmónica para o mes de marzo, co concerto que protagonizará o día 5. Afincada en Bélxica, ofreceu concertos en Europa, Estados Unidos, Canadá, Israel, África ou Brasil. Os dous últimos recitais desta tempada os protagonizarán o 30 de abril o Cuarteto de corda Martinu e a Orquestra Filarmónica Bohuslav Martinu de Zlin, o 21 de maio.