NA ÚLTIMA | O |
18 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.AOS TRADUCTORES pásalles un pouco como as periodistas. Os que teñen o título da facultade concentran gran parte do seu esforzo a vetar a entrada no oficio a todos os que non empregaron catro ou cinco anos en conseguir un salvoconducto académico que os acredite. Pero sucede a miudo que os empregadores non recurren a traductores e xornalistas titulados para traballar nas súas empresas. No grupo dos primeiros, as editoriais soen primar a sensibilidade literaria dos encargados de trasladar un texto dun escritor por encima do título de universitario que acredita que o traballo se fará rápido e de xeito eficiente. No caso dos intérpretes, os bilingües de nacemento, ou por experiencia vital, teñen moita ventaxa. Para os xornalistas sucede algo parecido, con dúas correntes tan encontradas que resulta difícil que atopen algún espazo común. Están os dispostos a non deixar exercer aos que carecen de titulación, pero tamén os que avogan por acabar coas facultades de Ciencias da Información e potenciar a vocación xormalísticas de xentes expertas en calquera outro campo. Seguramente a solución estará nalgún lugar intemedio que evite situacións como titulares que pequen de inexactitude e traduccións que leven ao desastre. Pero ás veces, se se mesturan dúas situacións como estas, nacen frases felices. Como a dun xornalista inglés que recolleu nun libro as incidencias das súas viaxes pola Galicia rural. Tempo depois, o texto traduciuse ao galego nun fermoso libriño. Entre todas as características que o autor recollera da vida dos galegos, unha quedou plasmada como segue, non se sabe se por malicia do autor, convintemente seguida despois polo traductor, ou por simple descoido dos dous: «En todas as familias galegas hai un porco».