NA ÚLTIMA | O |

05 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

AÍNDA RECORDO a primeira vez que vin unha cobra. Cruzou por diante dos pes mentres iamos á escola, parou un momento fronte a nós, levantouse ameazante, e despois desapareceu nun campo de millo. A curiosidade puido moito máis que a impresión e o medo. As serpes eran algo normal, sobre todo cando chegaba o verán e se secaban os regatos. As máis das veces non pasaba dun ruido entre as follas esparcidas polo chan, pero a rapidez coa que se achegaba ou se alonxaba era suficiente para meter un medo paralizante, quizá porque despois da sorpresa da primeira vez, que fixo daquelo máis que nada unha aventura, o susto estaba xa no corpo, disposto para saltar. Debue ser o que lle sucedeu a eses veciños de Saria, que ven con preocupación como polas súas leiras andan reptís de varios metros de longo. Agora viven aterrorizados. Algúns confesan que non se atreven a pisar os prados por medo a algúns bichos que chegan a medir máis que un coche, e contra os que os paus parecen inofensivos. Pouco despois da primeria experiencia coas cobras, unha bruxa que vivía na aldea pediunos aos rapaces que se volviamos ver unha serpe longa, que a matáramos e lla levaramos. Na casa ela xa tiña unhas cantas. Quitáralles a carne, e o sangue e pendurabaas despois nun lugar que fora ben visible dende o camiño que pasaba por diante da súa casa. Supoño que sería algún tipo de estratexia de márketing. Con todo, a historia dos veciños de Saria queda pequena se se compara coa deses propietarios duns apartamentos que viviron durante meses cunha pitón instalada nas cañerías do edificio. Din que tiñan que ter ladrillos nas tapas dos váteres porque ás veces asomaba por aí. Así, eses bichos nunca caerán simpáticos. Non é raro, lévanlle facendo mala prensa dende que o mundo é mundo.