Pararraios

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

21 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI VECES nos que un parece atraer os inconvenientes coma se fose un pararraios, días deses nos que cada cousa que un fai acaba converténdose nunha pequena catástrofe doméstica. Antonte, por exemplo, saín de traballar cun humor máis ben tormentoso. Fun buscar o coche, que, coma tantas veces, deixara pola mañá nunha rúa sen saída cerca da ponte da autoestrada, no antigo vial que vai a Marín. Cando cheguei alí, atopei unha parella da Guardia Civil pedíndolle os papeis a un tunero nun Peugeot. O tipo revolvía nunha carpetiña de gomas, co pelo crespo tocándolle no teito do automóbil, mentres os dous axentes esperaban ao seu lado sen inmutarse, coma un par de geypermans de paciencia infinita. O asunto estaba en que o Peugeot bloqueaba a única saída da rúa, e que eu, como teño certa alerxia á autoridade, non me atrevín a dicirlles aos uniformados que lle mandasen dar para atrás para deixarme marchar. Na miña mesma situación estaba outro tipo, estacionado ao meu lado. Botamos unha parrafada de dez minutos coas ventás baixadas, el, a súa moza e máis eu, ata que o tipo dixo: «Mira, voulle dar a ver se se dan de conta». Dito e feito: foi verlle as luces de marcha atrás e retirarse o coche que estaba parado. ¿Por que tería eu esperado tanto? Logo parei nunha tenda destas que abren a todas horas, para comprar pan. Aparquei no único sitio libre que quedaba na rúa, entrei, pillei unha barra, botei unhas moedas na máquina para sacar tabaco e, ao sair, xa tiña non un, senón dous coches atrapando o meu contra a beira da rúa. Desespereime a bocinazos, golpes de luz e tumbos no salpicadeiro, pero ata que non lle berrei ao tipo que estaba nun todo terreo -si, o paisano e máis a parienta estaban dentro, sen perder a compostura-, non puiden marchar. Ao chegar á casa, pola tele botaban o Gran Hermano.