«''Zume de terra'' é un disco moi galego, pero tamén universal»

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral CALDAS DE REIS

PONTEVEDRA

SANDRA ALONSO

Entrevista | Xosé Manuel Budiño Para Budiño este verán está cheo de concertos fóra. Portugal, Italia, Inglaterra ou Escocia son algúns dos países nos que tocou

18 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

?índa que o seu nome sonou algún ano para o concerto folk do Festival Cultura Quente, Budiño ofrecerá esta noite (23 horas) a súa primeira actuación en Caldas. Na carballeira, con entrada libre, interpretará temas do seu último traballo, Zume de terra, sen olvidar os anteriores, Paralaia e Arredor. Onte falou da súa traxectoria. -O concerto ía pechar as festas o pasado martes. A traxedia de Afganistán alterou o programa. ¿Como se enterou do cambio? -O mesmo día chamounos a produtora para avisarnos de que non se ía facer e que quedaba para o venres, o que se confirmou o mércores. -«Zume de terra» recolle parte dunha frase de Castelao de 1941. ¿Por que? -Castelao estaba en Bos Aires e ía presentar a obra de teatro Os vellos non deben de namorarse en Montevideo. Como non pode ir decide gravar un fragmento sonoro falando da súa obra. Hai unha frase que di algo así como «aínda que a miña obra puidese ser traducida a todas as linguas do mundo, nunca deixaría de ser unha obra de arte galega porque está feita con zume de terra e mel de tradición galega». Para min hai un paralelismo claro entre o que el facía coa súa obra e o que eu tentaba facer con este disco. -¿Por iso o das colaboracións internacionais? -É un disco moi galego pero tamén moi universal, que non ten fronteiras. -Este terceiro traballo é todo enteiro fillo seu: composición, arranxos musicais, produción e gravación. ¿Como foi ese paso? -Dalgunha maneira era un camiño que seguía desde o primeiro. Paralaia é un disco coproducido a medias co músico bretón Jacky Molard, pero case todas as composicións, agás dous temas tradicionais, eran miñas. En Arredor, pasa o mesmo, e a coprodución fíxoa Donald Shaw, un músico escocés do grupo Capercaillie. Este era o paso que quería dar hai anos, pero que non me atrevía. Un necesita aprender e ter unha man amiga de xente que che axude na coprodución. -¿Que vantaxes ten ter o seu estudo de gravación? -Que un pode tirarse á piscina e facer todo na casa. Hoxe en día podémonos permitir o luxo de viaxar cun estudo portátil a calquera parte do mundo, incluso na rúa. Esas barreiras están rotas, o de estar vinte días ou un mes en Madrid gravando oito horas diarias é unha loucura que está superada. Este cambio permitíume dedicar un ano e medio a facer o disco, a compoñelo, a viaxar. -A escola Semente Nova de Moaña supuxo o arranque da súa andadura musical. Vostede, Anxo Lorenzo... ¿na súa localidade natal hai madeira de gaiteiro? -Hoxe en día penso que hai madeira en toda Galicia. Eu tiven a sorte de empezar moi novo. Recordo que con 7 anos xa tocabamos no colexio música galega. Foi un paso importante para coñecela desde novo. Con 15, no Festival de Lorient (Bretaña), coa maleta nun brazo e a gaita noutro, xa estaba claro que isto era o que me gustaba facer. -Á marxe da música, ¿que lle gusta facer? -Poder visitar os lugares donde tocamos cando viaxamos e coñecer as súas xentes. En Inglaterra, por exemplo, collemos outro camiño e acercámonos ao asentamento megalítico de Stonehenge. -¿Pediríalle algo ao novo Goberno galego? -Sobre todo que tomase exemplo do que se está a facer noutras comunidades, como Cataluña ou o País Vasco, e xa non digamos en Escocia ou Irlanda. Un dos maiores ingresos que reciben estes países, despois da Guinnes, claro, é a través da música. Hai moitas formas de apoiar e difundir a música, non só economicamente.