¡ARRE HO! | O |
15 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.DIGO EU que co medido que é todo isto da linguaxe diplomática, e xa non digamos da vaticana, o asunto debe ter unha trascendencia enorme que nos escapa ao común dos mortais. Imos ver: o presidente do goberno dun país non se entrevista con calquera subsecretario de cultura de calquera illa ciscada por aí polo mundo adiante; un ministro non lle pillaría a vostede o teléfono nin por descuido. Así que se o mesmo Benedicto XVI, o papa máis serio e ortodoxo que a Igrexa puido escoller, fala do tema, a cousa ten que ser de máxima importancia. Resístome a crer que sexa doutra maneira. Un tipo coa responsabilidade de Ratzinger non nos poría nerviosos con calquera cousa, por moito que a veces os seus acólitos nos obsequien con discursos apocalípticos que rozan o humor de Faemino e Cansado. Un papa é un papa, e o que lle interesa son cousas trascendentes, non sei, onde irán as almas dos homosexuais cando morran, como negociar co Demo para que non nos churrusque demasiado cando vaiamos ao inferno os que vivimos en pecado, canto teñen que cobrar nos chiringuitos de recordos do Vaticano polas postais coa súa imaxe impresa. Ademais, teñan en conta que o paisano, por definición, xamais se equivoca. Así que cando fala do personaxe criticándoo por «minar o espírito da cristiandade», Benedicto XVI estao poñendo á mesma altura que tipos terribles coma Calvino, Jan Mathys ou Thomas Müntzer, capaces de acabar coa hexemonía de Roma nas crenzas de Europa. E mira que o chaval parece boa persoa, coas súas gafiñas e a súa cara de neno. Pero eses son os peores: fáganlle caso ao Papa e queimen os volumes de Harry Potter que teñan na casa.