Un bicho no monte

PONTEVEDRA

NA ÚLTIMA | O |

05 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

A HISTORIA contábana como vivencia propia e, polo tanto, veraz, pero ao transmitila, os auditorios con frecuencia se mostraban escépticos. Sucedeu que nunha ocasión, unha nai, preocupada pola indisposición da súa filla, levouna ao médico. Despois dunha exploración rápida, este constatou que os mareos, vómitos e náuseas tiñan unha fácil explicación. «A súa filla está en estado», diagnosticou o médico. Ante a cara estrañada da muller, non pola noticia, senón pola palabra empregada polo seu interlocutor, o médico aclarou: «Embarazada, está embarazada». A reacción non se fixo esperar en forma dunha chuvia de paraguazos sobre a pobre da rapaza, que suplicaba e dicía que ela non fixera nada, que a única explicación que atopaba era que a situación se derivara da acción «dun bicho cando estaba a durmir no monte». O neno naceu e desmentiu a teoría, que visto o que se publica unhas páxinas máis atrás non é das máis disparatadas. Unha señora detida estes días pola policía cunha sortixa metida onde á pobre da rapaza lle picara un bicho, dixo que a cousa só se podía explicar «por unha confusión». Podía ter tido algo máis de imaxinación e dicir que en realidade se trataba dun ovo, e que ela era a galiña que os puña de ouro. Ou algo así.