NA ÚLTIMA | O |
22 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.UN AMIGO do interior, que descoñecía case todo sobre o mar antes de chegar a Galicia, incluída a sensación que produce montar en barco, repetiu o luns á noite o mesmo xesto que fixera centos de veces antes. Só que nesta ocasión foi consciente do significado que tiña para moita xente que vive pendente cada día do Atlántico. Despois de prender un pitillo coa vela que iluminaba o bar por un corte eléctrico momentáneo, cae na conta. «Acabo de matar a un mariñeiro», comentou con certa pena, como se o ambiente do bar, sen música e na penumbra daquel instante invitara a un recollemento especial. Foi unha frase inocente, sen máis interés que o de propiciar a conversa nun deses momentos de silencio, nos que algúns aseguran que pasan os anxos. Onte, falamos despois de coñecer que o Siempre Casina fora a pique con oito mariñeiros dentro. Dixo algo sobre o rapaz que sobreviviu ao naufraxio mentres se lle cravaban os ollos do seu pai, que non deu saído do barco. Recordou o O Bahía, que se fundiu fronte ás illas Sisargas sen devolver todos os corpos. Despois calou. Quedou en silencio á espera de que os anxos que debían pasar entón chegaran ata Burela, aínda que só fora para reconfortar un pouco aos que esperan a pé de porto, os que saben que as velas son só para iluminar. Tamén a esperanza dos que agardan un miragre que chegue do mar.