O que aforramos

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

17 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

NON SEI se se deron de conta, pero hailles bastantes meses que estamos vivindo neste país unha especie de estado utópico ben interesante, e non falo do tempo, demasiado agradable para este rincón atlán­tico. Máis ou menos desde finais do 2002, cando unha conspiración planetaria fixo naufragar un malicioso barco na Costa da Morte, andamos instalados na inercia política máis absoluta. É máis, se non fose polos habituais exabruptos do Presidente Fundador e polos divertidos manexos dos seus achegados, puxando polas partixas, nin nos enterariamos de que alguén dirixe o noso destino desde o cuartel de San Caetano. Algúns pensan que isto é unha catástrofe, que un país ten que ter unha dirección forte, que estamos ante un momento crucial da nosa historia con toda a vaina do Plan Galicia e da ampliación da Unión Europea, e que, por encima, as páxinas de información política dos xornais son hoxe máis aburridas que nunca. Pero que queren que lles diga, tamén é o que aforramos.