Cuntis-Memphis

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

09 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A MIN AS gaitas fanme chorar. Iso é o que lles conto eu aos meus amigos para esquivar concertos de folk e eicarballeiras varios. Non sei por que, quizá sexa de tanto escoitar aquel anuncio dos primeiros tempos da TVG, o de «déixate de gaitas», pero case sempre me sinto máis cerca do delta do Misisipi que da fervenza do Xallas. Por algún motivo que non logro razoar, prefiro mil veces o tarabouleo das cordas dun contrabaixo ao orneo do roncón da gaita, o eco metálico dun dobro ao roncar dunha zanfoña, o rascar dunha táboa de lavar a roupa ao redoble dun tamboril. A min dime máis o Hound dog de Big Mama Thornton que a Muiñeira de Chantada, ou, se andamos no tempo, o Bad reputation do Reverend Horton Heat aos paseos astrais de Carlos Núñez. E o defecto é só meu, naturalmente. Simplemente debe faltarme un xen, ou polo menos anda extraviado nalgún lugar entre Cuntis, Pontevedra, e Memphis, Tennessee. Aínda que creo que non me arrepinto: se o ceo me permitise cambiar algo, eu non pediría que me medrase máis o óso da caluga, que para algúns frenéticos vén ser algo así como o equivalente galego ao Rh euskaldún; como dicían Los Flechazos, «la única cosa que quiero es un trozo de carbón para pintarme la cara y cambiarme de color».