Felicitacións e voda real

PONTEVEDRA

DENDE A VENTÁ | O |

03 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A voda do Príncipe Felipe e Letizia Ortiz supuxo, na crónica política de Marín, unha ruptura cos temas urbanísticos tan habituais nos plenos e nos cruces de acusacións e réplicas entre goberno local e oposición. Por unha vez semella que as espadas deixaron de estar en alto e o equipo de goberno chegou a confiar ao edil popular Santiago Pazos, ponente por outra parte da proposta, a redacción do texto da felicitación aos noivos. Pero o encargo non se quedou soamente nisto. Pazos ten ás súas costas a tarefa de atopar un agasallo que represente aos marinenses ante a real parella e que lles recorde o afecto dos veciños. Non será doado. O propio edil deixou o listón moi alto. Afirmou que debe tratarse dalgo persoal, co que un espera que non se trate da habitual placa -que seguro que a don Felipe xa lle sobran na casa-. Ademais, o edil apuntou que terá que ser algo identificativo con Marín e que lle recorde ao Príncipe de Asturias o seu paso pola Escola Naval e a súa estanza na provincia. O ponente da moción mantén o secreto das súas propostas como ouro en pano. Saberánse despois de Semana Santa, cando o tema volva a comisión. ¿Haberá daquela consenso?